Estados Unidos apoia liberar as patentes das vacinas contra a Covid-19 e a UE di agora que o estudará

A administración Biden móstrase partidaria de suspender temporalmente as patentes. Após o anuncio estadounidense, os líderes da UE abordarán o asunto na cimeira de  Porto

Imaxe dunha vacina de AstraZeneca. (Foto: Matthias Bein / dpa-Zentralbild / dp)
photo_camera Imaxe dunha vacina de AstraZeneca. (Foto: Matthias Bein / dpa-Zentralbild / dp)

Estados Unidos apoia suspender temporalmente as patentes das vacinas contra a Covid-19. Así o anunciou a representante de Comercio do Executivo presidido por Joe  Biden,  Katherine Tai, nun comunicado.

"Esta é unha crise global, e as circunstancias extraordinarias da pandemia de Covid-19 esixen medidas extraordinarias. A administración cre firmemente na protección dos dereitos de propiedade intelectual, mais para terminar a pandemia, apoia que se elimine esa protección para as vacinas", indica o comunicado.

Con esta fin, Estados Unidos apoiará a proposta que fixeron varios países na Organización Mundial do Comercio (OMC) e participará "activamente" nas negociacións que requirirán "tempo" e "consenso".

"O obxectivo é dar tantas vacinas seguras e efectivas a tanta xente como sexa posíbel, e tan rápido como sexa posíbel", continúa o comunicado.

A India e Sudáfrica, apoiados por outros países en desenvolvemento, piden desde outubro do ano pasado que se suspendan as patentes de vacinas, tests e tratamentos contra a Covid-19 coa fin de que estes fármacos poidan producirse máis e en máis países e iso facilite o combate á pandemia.

En fronte atópanse os produtores destes fármacos, como a Unión Europea, o Reino Unido, Suíza e, até hoxe, os Estados Unidos. Os produtores temen que a suspensión de patentes e o cesamento de beneficios económicos que implica free a investigación.

UE

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou esta quinta feira, e após o anuncio de EUA, que a Unión Europea está "disposta a discutir" a idea de levantar de maneira temporal a protección que ofrecen as patentes sobre as vacinas desenvolvidas contra o coronavirus, unha iniciativa á que os 27 se resistiron até o de agora . "A Unión Europea está disposta a discutir toda proposta dirixida a afrontar a crise de maneira efectiva e pragmática", indicou a xefa do Executivo comunitario.

A cuestión estará inevitabelmente na cimeira informal que reunirá esta sexta feira e sábado os xefes de Estado e de Goberno da UE en Porto (Portugal) para discutir, entre outros, sobre a xestión da pandemia.

Comentarios