Países ricos reclaman as doses da OMS

Gobernos como o do Canadá poderían vacinar cinco veces a súa cidadanía, mais non pretende renunciar á súa porcentaxe da iniciativa Covax.
EuropaPress_3545400_02_february_2021_canada_ottawa_canadian_prime_minister_justin_trudeau_holds
photo_camera O primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, ofrece unha conferencia de prensa ás portas da súa residencia oficial en Ottawa (Foto: Sean Kilpatrick / dpa)

"O Canadá encargou doses suficientes para subministrar a súa poboación [37,5 millóns] até cinco veces e agora pretende aceptar a súa parte de doses de Covax, que de non ser así serían entregadas ás nacións pobres", denuncia Anna Marriott, responsábel de políticas sanitarias de Oxfam. Nova Celandia ou Corea do Sur son outros dos países que se aproveitarán das regras de Covax, podendo adquirir vacinas deste programa ao tempo que asinan acordos coas farmacéuticas. 

Covax (acrónimo en inglés de Sistema de Acceso Global ás Vacinas da Covid-19) é unha iniciativa da OMS para asegurar o acceso universal. Foi lanzada en abril do ano pasado pola Alianza para a Vacinación (GAVI), asociación mundial integrada por organismos públicos e privados como Unicef, o Banco Mundial ou a Fundación Bill e Melinda Gates, alén de Gobernos ou farmacéuticas. 

Segundo os últimos datos do Instituto de Saúde Global da Universidade de Duke (EUA), os países con maiores ingresos do mundo acumulaban máis de 4.600 millóns de doses, por 670 millóns dos países con menos recursos. Este centro, que leva meses advertindo das desigualdades no reparto, recolle tamén a capacidade de inoculación de cada Estado con base na súa poboación. O Canadá está no máis alto (500%). Ségueno o Reino Unido (364%), Australia (246%), Nova Celandia (242%), Chile (244%), a UE (233%) e os EUA (200%).

Se ben os países menos desenvolvidos serán os que reciban a maior porcentaxe das vacinas, algúns países doadores non queren renunciar á súa porcentaxe. O obxectivo de Covax é a distribución de 2.000 millóns de vacinas en 2021 (330 millóns no primeiro semestre), das que 1.800 millóns serán para os 92 países máis necesitados. Isto permitiralles cubrir apenas 20% da súa poboación. A OMS estima que para frear a Covid cómpre inmunizar 70% dos habitantes do Planeta.

A directora científica da OMS, Soumya Swaminathan, afirmou a comezos de febreiro que as peticións dos países ricos de acceder á súa parte das vacinas de Covax non poden ser rexeitadas. Unha circunstancia que, tendo en conta o compromiso manifestado inicialmente por estes países en contra da desigualdade, desde Oxfam cualifican de "hipócrita". 

AstraZeneca recupera a confianza

Moitas esperanzas foron postas na vacina de AstraZeneca e Oxford, especialmente nos países menos desenvolvidos. Máis barata e máis fácil de transportar e conservar que a de Pfizer/BioNTech, que necesita equipos de refrixeración non habituais nestes territorios, estivo porén rodeada de dúbidas. 

Na UE, por exemplo, a maioría dos Estados non a recomendan en maiores de 65 anos pola suposta perda de eficacia. Tamén o Centro para o Control de Enfermidades de África pediu priorizar o uso doutras vacinas nos países onde se detectou a chamada cepa surafricana. O propio Goberno de Suráfrica deu marcha atrás no plan inicial e está a optar pola de Johnson&Johnson para os seus profesionais sanitarios. Con todo, a semana pasada os expertos da OMS déronlle o visto bo para todas as idades e para todas as variantes, e cada vez máis países ─onte, Australia─ danlle a súa aprobación. 

Neste sentido, a vacina de AstraZeneca é só a segunda tras a de Pfizer que recibe aprobación da OMS ─na segunda feira─ e pasará a integrar desde xa o groso de doses de Covax para os países con menos recursos. 

Comentarios