Lenceiría a metade de prezo, aulas de aerobic e úteis de cociña: así celebra Madrid o 8 de marzo

Após a imaxe d@s concelleir@s de Industria e Traballo da Galiza disfrazad@s de home de negocios ela e de traballadora da limpeza el para figurar un pouco afortunado troco de roles, o Goberno madrileño enceta o Día internacional das mulleres pondo o acento nos estereotipos
photo_camera Ano 2010: a Xunta conmemora o 8-M [SG]


Coa chegada do 8-M, Día internacional das mulleres, imprensa e institucións acórdanse de que a discriminación por razón de xénero existe e de que o camiño para a combater segue a ser pedregoso.

As distintas administracións sacan a relucir as cifras do que invisten en políticas de igualdade ou na loita contra o terrorismo machista e colocan no calendario actos institucionais polo xeral faltos de compromiso e políticamente correctos. Porén, sempre hai quen rache co molde.

Após os disfraces de globos que construíron para a ocasión @s conselleir@s Javier Guerra e Beatriz Mato en 2010, de traballadora da limpeza il e de home de negocios ela e que foron tildados pola oposición (BNG e PSOE) de "frívolos e deplorábeis", desta volta foi o Goberno de Madrid quen baseou a súa campaña en agasallar as mulleres galletas decoradas con forma de bolso, cremas faciais, packs de cosmética, descontos en lenceiría, un tupper con culleres e garfos e aulas de aerobic.

Así decorrerá unha campaña que o Executivo que preside Ignacio González presentou en sociedade baixo o lema 'Decisivas' no mesmo acto en que se gabou de destinar até sete millóns de euros en actuacións en prol "da prevención, a sensibilización e a asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero".

Comentarios