Catalunya

Junts decide rachar con ERC e saír do Govern

A militancia acordou o fin da coalición nunha consulta con 55,7% dos votos.
Jordi Turull e Laura Borràs. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jordi Turull e Laura Borràs. (Foto: Europa Press)

A militancia de Junts decidiu rachar o pacto de coalición con ERC e que o partido saia do Govern de Pere Aragonès tras a consulta que celebrou entre a quinta e a sexta feira.

Nun comunicado, a formación anunciou que o 'non' para seguir no Govern obtivo 55,73% de apoios e o 'si' tivo 42,39%, mentres que houbo un 1,88% de votos en branco, nunha votación na que participaron 79,18% das 6.465 persoas militantes con dereito a voto.

Ás 17.30 horas desta sexta está previsto que se reúna a Executiva do partido para analizar este resultado, que supón a ruptura da alianza entre ERC e Junts na Generalitat e pode ter consecuencias no seo da formación liderada por Laura Borràs e Jordi Turull.

Coa saída de Junts do Executivo, ráchase a coalición que gobernou Catalunya desde 2016 e ERC gobernará en solitario, xa que nos últimos días os republicanos deixaron claro que non convocarán eleccións.

Desta maneira, será o primeiro Govern en solitario en Catalunya desde o de CDC encabezado por Artur Mas en 2015, cando saíu UDC do Executivo, e será o que conte con menos apoios parlamentarios da historia do Parlament, xa que os republicanos teñen 33 deputados na Cámara catalá.

Isto obrigará Aragonès a buscar o apoio doutras formacións, incluídas o PSC e os comuns, para sacar adiante os seus proxectos, e o primeiro reto que terá o Govern republicano será o de tratar de aprobar os Orzamentos da Generalitat de 2023.

Agora está por ver cal será a reacción do president ante a saída de Junts do Govern e como configurará o seu goberno con membros do seu partido, xa que terá que renovar á metade do Consell Executiu con carteiras importantes como Economía e Saúde.

Comentarios