Jordi Sánchez sae por vez primeira da cadea

Do cárcere de Lledoners, en Catalunya, saíu por primeira vez o ex president da ANC e ex deputado Jordi Sànchez, grazas ao seu primeiro permiso penal após ser condenado polo Tribunal Supremo español na causa do procés contra os líderes sociais e políticos independentistas.

Jordi Sánchez sae da prisión (Imaxe David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Jordi Sánchez sae da prisión (Imaxe David Zorrakino / Europa Press)

A filla e máis a muller de Jordi Sànchez agardaban por el este sábado 25 de xaneiro ás portas do cárcere de Lledoners (Catalunya), desde onde o líder soberanista catalán saudou a presa erguendo o polgar e afirmando que se atopaban ben.

"Empezo o primeiro permiso de dous días para estar coa familia. Un permiso non é a liberdade, é unha paréntese de 48 horas despois de 19.944 horas de prisión", expresou en Twitter este sábado Jordi Sánchez, ex president da Assemblea Nacional Catalana e ex representante de Junts per Catalalunya no Congreso dos Deputados.

"Só a amnistía nos devolverá a liberdade", afirmou Jordi Sànchez

Na mensaxe, após saír do cárcere tamén engadiu: "Só a amnistía nos devolverá a liberdade. Grazas por todo o voso apoio e respecto! Seguimos fortes, sen desfalecer!".

Sànchez foi condenado a nove anos de cárcere polo Tribunal Supremo por un delito de sedición polo proceso soberanista e solicitou o permiso ao cumprirse a cuarta parte da súa condena.

O permiso, de 48 horas, foi proposto pola Xunta de Tratamento da prisión de Lledoners a 14 de xaneiro e o Servizo de Clasificación da Consellaria de Xustiza da Generalitat aprobouno ao día seguinte.

A Xunta de Tratamento tamén propuxo a semana pasada tres días de permiso para Sànchez, saída pendente de ser aprobada polo xulgado de vixilancia penal.

O presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, foi o primeiro en saír cun permiso penal de dous días o pasado 16 de xaneiro, de maneira que reingresou en Lledoners á noitiña do 18 xaneiro.

Comentarios