Jordi Cuixart sae da prisión por un permiso de 48 horas

É o president de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, o primeiro condenado a cárcere polo Tribunal Supremo na causa do procés en poder saír da prisión grazas a un permiso de 48 horas.
Jordi Cuixart, saíndo da cadea (Imaxe Pau Venteo EP)
photo_camera Jordi Cuixart, saíndo da cadea (Imaxe: Pau Venteo / Europa Press)

O president de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, saíu esta quinta feira, 16 de xaneiro, por primeira vez da prisión, despois de pasar máis de dous anos encarcerado. É o primeiro das e dos presos independentistas condenados pola causa do procés que sae da cadea. Faino por un permiso de 48 horas, despois de cumprir un cuarto da condena de nove anos de prisión que lle foi imposta polo Tribunal Supremo.

Suplicatorio en Europa

Por petición do Supremo iniciouse esta quinta feira na Eurocámara o trámite do suplicatorio contra o ex president da Generalitat Carles Puigdemont e o ex conseller Toni  Comín, ambos os dous eurodeputados, co obxectivo de que o Parlamento europeo lles retire a inmunidade. 

En declaracións aos medios na Eurocámara após a activación do suplicatorio, Puigdemont cuestionou que o Supremo sexa o competente para emitir a petición, agora que xa non son deputados aforados do Parlament catalán, e preguntouse se o PSOE "vai votar como os fascistas de Vox".

"A autoridade competente que pode ou que debe cursar o suplicatorio no Parlamento Europeo é o Ministerio de Xustiza e aquí non se recibiu ningunha carta del", explicou Puigdemont.
 

Comentarios