A Generalitat confirma o segundo grao para as e os presos soberanistas cataláns

Os líderes sociais independentistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, condenados a nove anos, poderían obter os seus primeiros permisos a semana que vén.

Condenadas polo Supremo na sentenza do procés (Imaxe: Euopa Press)
photo_camera Condenadas polo Supremo na sentenza do procés (Imaxe: Euopa Press)

A Consellaría de Xustiza do Executivo catalán validou na tarde desta quinta feira, 9 de xaneiro, o segundo grao que as xuntas de tratamento de prisións deron ás presas e presos políticos condenados na causa do procés polo Tribunal Supremo.

Desta maneira, o ex líder da Assemblea Nacional Catalana (ANC), Jordi Sànchez, e o de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, condenados a nove anos, poderían obter os primeiros permisos a semana que vén, unha vez que ambos os dous se amparen ao artigo 100.2 do regulamento penitenciario, onde se estipula que, unha vez cumprido un cuarto da pena, as presas e presos poderán acceder a unha serie de permisos, como o de saír de 36 días ao ano da cadea.

A mesma clasificación terá tamén o ex vicepresidente Oriol Junqueras, a quen na quinta feira, 9 de xaneiro, o Tribunal Supremo negou a inmunidade e o euroescano que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea lle recoñecera. Tamén terán esa consideración as os ex consellers presos Jordi Turull, Josep Rull, Quim Forn, Dolors Bassa, Raül Romeva e a ex presidenta do Parlament Carme Forcadell.

Con todo, recae nas xuntas de tratamento de cada prisión decidir se conceden o permiso e as clasificacións pódense recorrer ante  o xuíz de vixilancia penal e a súa decisión pódese tombar, en última instancia, polo tribunal que ditou sentenza, que é o Supremo.

A Generalitat alerta dunha España fóra da UE

O presidente da Generalitat, Quim Torra, exixiu a "liberación inmediata" de Oriol Junqueras para que poida asistir ao pleno do Parlamento Europeo da segunda feira, após coñecer a sentenza do Supremo que lle nega a acta ao líder de Esquerra.

A resolución xudicial é para Quim Torra "unha proba palpábel do que é a degradación inmediata" do Estado e considerou "absolutamente impensábel" que unha resolución como a do Supremo poida ter lugar en calquera outro país de Europa.

Comentarios