Donald Trump, de novo no albo: imputado no caso dos documentos clasificados

O ex presidente está acusado de cometer até sete delitos federais vencellados á Lei de espionaxe, após achar o FBI documentación clasificada na súa mansión de Palm Beach, en Florida. De forma paralela, Joe Biden está a ser investigado pola mesma cuestión, neste caso a raíz dun rexistro na súa vivenda de Delaware.
O ex presidente estadounidense Donald Trump. (Foto: Niyi Fote / TheNEWS2 via ZUMA Pres / DPA)
photo_camera O ex presidente estadounidense Donald Trump. (Foto: Niyi Fote / TheNEWS2 via ZUMA Pres / DPA)

Un novo escándalo cerca o ex presidente estadounidense Donald Trump. El mesmo anunciou a última hora desta quinta feira, a través das súas redes sociais, que vén de ser imputado polo manexo de infomación clasificada após abandonar a Casa Branca, no marco dos rexistros efectuados o pasado ano polo FBI na súa mansión de Mar-A-Lago, en Palm Beach (Florida).

"A corrupta Administración Biden informou os meus avogados de que fun acusado, aparentemente polo bulo das caixas, a pesar de que Joe Biden ten 1.850 caixas na Universidade de Delaware, caixas adicionais en Chinatown, [Washington] D.C., con aínda máis caixas na Universidade de Pensilvania, e documentos esparexidos por todo o chan do seu garaxe onde aparca o seu Corvette, e que está 'asegurado' só por unha porta de garaxe que é de papel fino, e aberta a maior parte do tempo", dixo, en alusión aos rexistros recentes do FBI, tamén buscando documentación clasificada, en propiedades de Joe Biden.

Pola súa parte, e logo de pronunciarse Trump nestes termos, o actual mandatario saíu ao paso afirmando que "non" intercedeu nas cuestións do departamento de Xustiza nin lles dixo "que debían facer" a respecto das súas investigacións "nin unha soa vez". O ex presidente está acusado de retención deliberada de información de defensa nacional, ocultación corrupta de documentos, conspiración para obstruír a Xustiza e realización de declaracións falsas, segundo apunta a canle ABC News.

"Non está cento por cento claro que todos eles sexan cargos separados, pero basicamente despréndense dun cargo da Lei de espionaxe", sinalou o seu avogado, Jim Trusty, confirmando os sete delitos federais que pairan sobre o magnate. Trump deberá comparecer a vindeira terza feira diante do Tribunal Federal de Miami. "Nunca crin posíbel que algo así puidese ocorrerlle a un ex presidente dos Estados Unidos. Son un home inocente! Este é realmente un día escuro para os Estados Unidos de América. Somos un país en serio e rápido declive, pero xuntos faremos que América volva ser grande!", engadiu.

O pasado marzo Donald Trump tornou no primeiro ex presidente da historia dos EUA en ser imputado nunha causa na que se enfronta a cargos penais, logo de comparecer ante o xuíz en Nova York após ser imputado no marco da investigación contra el por subornar, presuntamente, a actriz porno Stephanie Clifford, coñecida na industria como Stormy Daniels.

O ex presidente dos Estados Unidos entre 2017 e 2021, Donald Trump, enfrontaba até 34 cargos por delitos relacionados coa falsificación de documentos comerciais, cargos que lle foron lidos o 4 de abril despois de entregarse á Xustiza de Nova York. As falsificacións documentais están consideradas en Nova York como unha falta, mais no caso de que encubran ou sirvan para cometer outro crime poden ser elevadas á categoría de delito, iso si, no nivel máis baixo dos cinco graos que recolle o Código Penal estatal, e que implica desde un até catro anos de prisión.

Biden, tamén investigado

Esta nova polémica chega logo de ratificar a súa candidatura ás eleccións presidenciais de 2024, cita na que volverá ter diante un Joe Biden que está a ser investigado por outro fiscal xeral após achárense documentos clasificados da época como vicepresidente de Barack Obama na súa vivenda de Wilmington, en Delaware. Biden negou ter cometido delito ningún e asegurou que cooperaría en todo momento coa Xustiza; porén, a imputación de Trump e a exoneración —cando menos polo de agora— do actual dirixente bota máis gasolina ao lume a prol do Partido Republicano, que ve unha "corruptela" da Administración, nunha xa de por si axitada precampaña, coa vista posta no outuno de 2024.

Comentarios