Israel reprende o mundo

Convocou os embaixadores dos países que están no Consello de Seguridade da ONU para reprocharlles que pidan o fin dos asentamentos de colonos en territorios ocupados. Netanyahu xa advertiu que non ían cumprir a resolución e que ía deixar de contribuír a orzamentos de organismos da ONU.

Netanyahu chamou a Tel-Aviv os embaixadores dos 10 países representados no Consello de Seguridade da ONU para reprendelos por aprobar unha resolución na que se pedía a Israel a fin das colonias en territorios palestinos ocupados. Unha aprobación que foi posíbel grazas a abstención de Estados Unidos, por primeira vez nun tema que afecta ao seu aliado israelí. O primeiro ministro de Israel mesmo acusou Obama de “conspirar” cos palestinos para que isto acontecese.

China, Exipto, España, Francia, Xapón, Nova Celanda, Reino Unido, Rusia, Ucrania e Uruguai foron os que votaran a prol desa resolución. O 15º, os EUA, abstivéronse e non a vetaron, o que permitiu a súa aprobación.

Tel Aviv non mantén relacións diplomáticas con Malasia e Venezuela, dous dos catro países que, canda Senegal e Nova Celanda, presentaran a proposta de resolución após que Exipto desistise de dar o paso por presións do presidente eleito de EUA, Donald Trump.

A resolución 2334 di que os asentamentos de colonos en Cisxordania e Xerusalén Oriental “non teñen validade legal” e son “unha violación flagrante da lei internacional, para alén dun obstáculo para o roteiro dos ‘Dous estados’.

Netanyahu xa anunciou que non ían facer caso dese acordo, para alén de anunciar que falarían con Trump tan pronto este accedese á presidencia para “cancelar” a decisión do Consello de Seguridade. 

Comentarios