Israel non acatará a resolución da ONU

O primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, xa anunciou que o país non acatará a resolución do Consello de Seguridade da ONU. Culpa a administración Obama de fracasar en protexer Israel. O pobo palestino, pola súa banda, celebra a decisión das Nacións Unidas.

photo_camera Benjamin Netanyahu

Nun comunicado de imprensa, o primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, carga contra a resolución do Consello de Seguridade da ONU e sinala que o documento é “anti israelí” e advirte de que non vai cumprir os seus termos.

Aliás, o mandatario culpa a administración Obama de “fracasar” á hora de “protexer Israel contra esta conspiración na ONU” e de “confabular con ela entre bastidores”. Aproveitou para definir o país que dirixe como “a única democracia de Oriente Medio”.

A reacción en Palestina

Doutra banda, o portavoz da Presidencia Palestina, Nabil Abu Rudeina, considera a resolución "unha condena internacional unánime da colonización e un claro apoio a una solución de dous Estados". Rudeina puxo de manifesto que a aprobación representa “un gran golpe para Israel” e cualificou o de onte de “día histórico”.

O secretario xeral da Organización para a Liberación de Palestina, Saeb Erekat, viu na resolución “unha mensaxe clara e unánime da comunidade internacional no seu conxunto a Netanyahu”. “A única vía para a paz é o nacemento dun Estado palestino independente e é por iso que a comunidade internacional deixou oír a súa voz no Consello de Seguridade", subliñou.

Comentarios