Illa insta Madrid a revisar as medidas en medio do crecente caos político

O ministro español de Sanidade, Salvador Illa, anunciou que o Goberno estatal volveu manter conversas coa Comunidade de Madrid, á que emprazou a "revisar as medidas anunciadas" para conter a Covid-19 na rexión. O caos político continúa logo da dimisión do responsábel da unidade de seguimento organizada entre ambos os Executivos. Pola súa banda, a Generalitat amosou o seu temor ao impacto que cause a mobilidade madrileña en Catalunya.
 
O ministro de Sanidade, Salvador Illa
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa

"Mantivemos comunicacións coa Comunidade de Madrid. Desde a máxima lealdade institucional, emprazámola a revisar as medidas anunciadas e a seguir as recomendacións dos científicos e sanitarios", escribiu este domingo, 27 de setembro, nun Tweet o ministro español de Sanidade, Salvador Illa. O ministro xa pediu onte á comunidade, en rolda de prensa, que revisase as súas medidas tras o agravamento da pandemia.

"Hai que ver os datos da Comunidade de Madrid, cando digo que está en risco serio a saúde dos seus cidadáns, dígoo porque é así", avisou. E recomendou publicamente ao Executivo madrileño de Isabel Díaz Ayuso que aplicase restricións de mobilidade a toda a capital así como a todos os municipios nos que haxa máis de 500 casos de Covid-19 por cada 100.000 habitantes.

A comunidade defendeuse afirmando que o Goberno rexional toma as súas decisións para afrontar o coronavirus en base a "criterios técnicos", asegurando que xa aplicaron "medidas contundentes" que entraron en vigor esta mesma semana, segundo declarou antonte o viceconselleiro de Saúde Pública e Plan COVID-19, tras anunciar as novas medidas.

Este mesmo domingo, o vicepresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio Augado, trasladou a Illa e á ministra de Política Territorial, Carolina Darias, "a necesidade" de continuar coas reunións do 'Grupo Covid' entre o Goberno autonómico e o estatal.

Estas reaccións chegan logo de onte producirse a primeira vítima do choque entre o Goberno español e o madrileño ao redor das medidas para frear a pandemia na capital. O alcumando ‘Fernando Simón madrileño’, o ex xefe do Servizo de Microbioloxía e Enfermidades Infecciosas do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, Emilio Bouza, dimitiu este sábado do seu cargo de portavoz do Grupo Covid-19, o ente de coordinación que acordaron o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso e do que foi nomeado hai tan só tres.

Catalunya alerta do perigo de non cortar a mobilidade madrileña

A conselleira de Saúde da Generalitat de Catalunya, Alba Vergés, asegurou este domingo que lle preocupa o rebrote do coronavirus en Madrid porque ambos os territorios están conectados: "A mobilidade pódenos impactar aquí respecto da situación que teñen agora".

Nunha entrevista radiofónica dixo que hai días que o Govern insta a non viaxar a Madrid, onde ven unha incidencia moi alta da pandemia e "que pode acabar impactando" en Catalunya.

"Tentamos explicar á xente que aquelas viaxes que se fagan a Madrid, que poden ser de carácter familiar ou de traballo, de podérense evitar, que se eviten", e engadiu que a responsabilidade sobre esta mobilidade é do Goberno español.

Reclamou á Moncloa que actúe e que teña información dos motivos das persoas que se despracen entre Catalunya e Madrid, ademais de tomar medidas como controlar a temperatura e dar "mensaxes" advertindo sobre o movemento entre ambos os territorios.

Comentarios