O ministro Illa recomenda ás e aos madrileños ficar na casa

O coronavirus supera xa 1.000 contaxios por cada 100.000 habitantes en até 16 zonas sanitarias da Comunidade de Madrid non afectadas polas restricións de mobilidade. O ministro de Sanidade descartou polo de agora a necesidade do estado de alarma pero recomendou á cidadanía de Madrid que quede nas súas casas.
Control de mobilidade nun autobús no barrio obreiro de Vallecas, Madrid (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Control de mobilidade nun autobús no barrio obreiro de Vallecas, Madrid (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

Até 16 zonas sanitarias da Comunidade de Madrid contaban esta terza feira, 22 de setembro, con cifras de contaxio por coronavirus semellantes ás das 37 áreas nas que o Goberno de Isabel Díaz Ayuso impuxo onte restricións de mobilidade, a maioría situadas en barrios populares. Nesas 16 zonas que escapan ás novas limitacións superáronse xa os 1.000 contaxios por cada 1000.000 habitantes nos últimos 14 días, segundo os datos da Consellaría de Sanidade madrileña. A presidenta autonómica confirmou onte que o seu Executivo estaba a estudar a extensión das restricións que xa afectan as 16 áreas a outras zonas da rexión.   

No transcurso dunha entrevista, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, recomendou ás e aos habitantes de Madrid, independentemente de se viven nas 37 zonas cons restricións ou non, que restrinxan "ao máximo" a súa mobilidade limitándoa "ao esencial", que respecten as medidas do Goberno madrileño e que reduzan os contactos ao seu grupo de convivintes.

"A situación fai que recomende limitar ao máximo a mobilidade en toda a comunidade autónoma", sinalou Illa, após asegurar que este consello non leva "implícita" a recomendación de pedir o estado de alarma para a rexión.

Así mesmo, o ministro de Sanidade destacou a reunión mantida na segunda feira polo presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Díaz Ayuso, na que acordaron a creación dun "espazo de colaboración" entre ambos os Executivos, un gabinete de seguimento que se reunirá semanalmente e que contará co apoio de grupos de traballo formados por cargos das dúas Administracións e por técnicas e técnicos, co obxectivo de coordinar e planificar respostas contra a pandemia.

O resentimento no Ibex

O Ibex 35 perdeu na segunda feira 6.700 puntos, coincidindo coa entrada en vigor das restricións en 16 zonas de Madrid. Desplomouse así 3,43%, nun escenario marcado polos novos temores a novos confinamentos ante o aumento dos surtos de coronavirus. 

Sanidade estuda reducir a corentena a contactos próximos de 14 a 10 días

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, adiantou esta terza que, previsibelmente e en acordo coas comunidades autónomas, procederase a rebaixar a corentena de 14 a 10 días para os contactos estreitos dun caso confirmado de Covid-19, sen que sexa necesario que teñan unha proba PCR negativa. Illa pronunciouse así na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, após a Generalitat anunciar que Catalunya reducirá a partir da semana que vén de dúas semanas a unha decena de días a corentena de contactos estreitos.

Actualmente, un positivo pode reducir o illamento de 14 a 10 días se leva máis de 72 horas sen ningún síntoma. Os seus contactos estreitos, porén, deben permanecer en corentena dúas semanas, aínda que si se contempla pór fin á corentena se aos dez días a PCR dá negativo. Segundo os plans, xa non fará falla esa proba.

Comentarios