Iceta asegura que o ministro Illa dimitirá para a semana

O líder do PSC, Miquel Iceta, afirma que Salvador Illa dimitirá como ministro de Sanidade a semana que vén e di que a campaña electoral ten que comezar o 29 de xaneiro, logo de que a xustiza manteña os comicios para o 14 de febreiro até que resolva o decreto aprobado pola Generalitat para adiar as eleccións, o cal mantén suspenso.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro español de Sanidade e candidato do PSC á Presidencia da Generalitat, Salvador Illa, dimitirá do seu cargo no Executivo estatal antes do inicio da campaña electoral catalá e posibelmente antes de coñecer se finalmente os comicios do 14-F seguen adiante ou non, segundo anunciou esta quinta feira, 21 de xaneiro, o líder do PSC, Miquel Iceta.

"É dicir, antes da quinta feira da semana que vén ás 12 da noite, el renunciaría á súa carteira", afirmou en rolda de prensa telemática. Iceta asegurou que o PSC "acata e acatará todas as resolucións xudiciais" -dixo en relación á decisión dos tribunais de manter as eleccións para o 14 de febreiro mentres non resolve sobre o decreto de adiamento electoral do Govern-, polo que defende que comece a campaña electoral a semana que vén.

O tribunal mantén as eleccións ao Parlament para o 14-F

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) decidiu esta quinta feira manter provisionalmente a convocatoria das eleccións ao Parlament catalán para o 14 de febreiro e comprométese a resolver o fondo da cuestión antes do 8 de febreiro. É dicir, a sala mantén a data orixinal dos comicios mentres estuda se o decreto do Govern polo que se adiaron ao 30 de maio a causa da pandemia se axusta ou non á legalidade, logo de o tribunal ter aceptado recursos en contra da resolución da Generalitat. 

Así, a sala mantén en suspenso o decreto de adiamento das eleccións, asinado polo vicepreident catalán Pere Aragonès logo de que todos os partidos con representación parlamentar acordasen atrasar os comicios. O PSC foi o único que discrepou de levalos a maio, decantándose por marzo.

Así, toda a maquinaria porase para o 14-F, tendo no calendario o 29 de xaneiro como inicio da campaña electoral. Mesmo se poderá dar o caso de que a campaña inicie este mes e o 8 de febreiro o TSXC ditamine que o decreto da Generalitat era correcto e se vote en maio. Polo de pronto, xa se enviaron as notificacións a todo o persoal que terá que formar parte das mesas e toca agora imprimir as papeletas e sobres, que se farán chegar nun envío único por acordo de todos os partidos.

O custo total das eleccións calcúlase en 37,5 millóns de euros, dos que 8 serían para garantir as medidas de seguridade sanitaria.

Con todo, varios millóns poderíanse perder de pór en marcha unha maquinaria que haxa que repetir en maio. 

A conselleira catalá de Xustiza, Ester Capella, compareceu en nome do Govern para explicar as alegacións que se presentaron no TSXC para manter o aprazamento das eleccións até o 30 de maio e afirmou que Pere Aragonès podía asinar o decreto de adiamento e que así o avalaba a comisión xurídica.

Aliás, o TSXC tamén alterou o decorrer electoral coa inhabilitación do conseller encargado de xestionar os preparativos das eleccións, Bernart Solé, condenándoo por un delito de desobediencia a causa da súa participación no referendo do 1 de outubro cando era alcalde. 

Socialistas e republicanos disputaríanse a vitoria electoral

O PSC e ERC disputarían a vitoria das eleccións catalás, xa que Esquerra obtería entre 31 e 33 escanos e ten 20,6% de estimación de voto, por detrás dos socialistas, con 30-35 escanos e 23,9% de apoio, segundo a enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicada onte e elaborada con 4.106 entrevistas entre o 2 e o 15 de xaneiro, xusto despois do anuncio de que Salvador Illa sería candidato do PSC e antes de que o Govern decidise aprazar as eleccións do 14-F e da posterior suspensión por parte dos tribunais.

O independentismo quedaría lonxe de lograr o seu obxectivo de superar 50% dos votos, xa que a suma de ERC (20,6%),  JxCat (12,5%), CUP (6%) e o PDeCAT (0,7%) quedaría en 39,8%, mais si podería chegar a ter maioría absoluta, xa que obtería entre 59 e 71 escanos, segundo a enquisa, e a a absoluta está en 69. 

Comentarios