Vicent Partal: "Se as eleccións son o 14F, a abstención será maiúscula"

Prevese que en poucas horas o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya poida resolver sobre a data electoral, logo de reactivar os comicios ao Parlament para o 14 de febreiro ao aceptar recursos contra a orde do Govern de atrasar as votacións por mor da pandemia. Conversamos sobre as chaves da situación e os escenarios abertos.con Vicente Partal, xornalista e director do dixital en catalán Vilaweb.
O xornalista Vicent Partal dirixe o dixital en catalán 'Vilaweb'.
photo_camera O xornalista Vicent Partal dirixe o dixital en catalán 'Vilaweb'. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya será quen resolva a data das eleccións ao Parlament, unha decisión que "pode ser explosiva", di o xornalista e director de Vilaweb, Vicent Partal, que explica a Nós Diario que o tribunal o que fixo foi adoptar medidas cautelares respecto do decreto de adiamento electoral do Govern mentres o estuda, reavivando a vixencia do 14-F.

Porén, agora pode resolver que o decreto for correcto e que as eleccións sexan o 30 de maio ou que non é correcto e que se vote o 14-F. Pero tamén podería mesmo elixir outra data distinta, "e en 48 horas pasaríamos por tres datas diferentes, co custo económico que iso implica", di Partal, sinalando que os Concellos xa recibiron a orde de formar as xuntas electorais, por se as eleccións son o 14-F.

Ademais, alerta de que se as eleccións son en febreiro, a abstención "será maiúscula" e pregúntase pola lexitimidade que tería entón o Goberno electo. 

Estraña que sexa o poder xudicial e non o lexislativo quen decida sobre a data electoral.

É o final lóxico dunha lexislatura en que o poder xudicial marcou os tempos: primeiro disolveu o Parlament co 155, logo convocou as eleccións -en lugar de facelo o president-, decidiu quen podía ocupar a Presidencia e quen non, quen podía ser deputado e mesmo o que se podía publicar e o que non e, finalmente decidirá a data das eleccións. Só falta que o poder xudicial decida tamén quen as gaña.

O soberanismo apunta a responsabilidade do PSC por animar á presentación de recursos contra o adiamento das eleccións.

Todos os partidos, incluído o PSC, estaban de acordo en atrasar as eleccións, pero o PSC pedía que fosen en marzo mentres que o resto avogaba por maio. O PSC quería un tempo de adiamento máis curto que os outros partidos.

O que acontece agora é que o PSC acaba de queimar o seu cartucho: presentar Salvador Illa como candidato, vendelo como representante da eficacia, o grande home que ía salvar o país... pero o PSC é consciente de que isto é un elemento de pura mercadotecnia e que non dura no tempo.

Lanzaron o seu torpedo máis forte e están convencidos de que ten un percorrido temporal curto e que no mes de maio xa perdería efecto. De aí o seu interese electoralista.

Nese sentido, é moi chocante o desdobramento de personalidade de Salvador Illa que como ministro de Sanidade ten unha maneira de ver as cousas e como candidato á Presidencia ten outra. 

No Estado viuse con normalidade o adiamento dos comicios na Galiza e Euskadi a causa da pandemia, mais non no caso catalán. A que se debe?

Hai un elemento importante: a Generalitat non ten hoxe ningún poder. A partir do 155 o poder desaparece de Catalunya e é tratada como unha terra dominada desde Madrid. A Galiza e Euskadi teñen aínda un relativo poder e influencia en Madrid que as permite formular determinadas cuestións.

Que as eleccións fosen o mesmo día na Galiza e Euskadi tamén puido facilitar as cousas, se a Galiza for por separado ao mellor non tería sido tan claro. 

Non hai vontade de negociación nin de diálogo con Catalunya, na actualidade é terra conquistada, non hai respecto cara ás institucións catalás e desde hai tres anos son tratadas como o inimigo. 

Ademais, hai outra diferenza: na Galiza e Euskadi a lexislatura estaba esgotada mais aquí vótase porque se inhabilitou o president. Á lexislatura aínda lle podería quedar un ano, podería haber máis flexibilidade, pero demóstrase unha vez máis que ao entrar na renuncia ao diálogo, ao pór a lei por riba de todo e usala como instrumento de violencia sobre a sociedade pasan cousas tan absurdas como esta.

As leis din unha cousa pero estamos nun contexto de pandemia e na maioría de países buscan acordos para salvar unha situación que as leis non podía prever. Porén, isto non acontece en Catalunya porque se entrou na deriva de que os tribunais marquen o paso á sociedade e á política. E os tribunais só miran as leis, o Goberno dos xuíces ten o problema de que só ve os papeis, non olla a rúa, e mentres a rúa pode estar morrendo. 

Como se valora desde o campo médico catalán que as eleccións poidan ser o 14-F?

Con indignación. A situación é moi grave, non teño a capacidade técnica de valorar se é peor que en marzo ou abril, pero o persoal sanitario co que falo está completamente desbordado e moi espantado ante o que vén.

Ademais o problema non é xa que a xente non vaia votar, senón que quen integra as mesas electorais non se pode negar a facelo, e ese risco de contaxios... quen o asume? Quen será o responsábel diso?

Comentarios