Os EUA premen España para que entre na operación contra os hutís no mar Vermello

Xuristas apoian a denuncia de Sudáfrica contra Israel ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX) por xenocidio.
O xefe do Estado Maior Conxunto dos EUA, Charles Brown (Foto: Eric Dietrich / Europa Press / Contacto).
photo_camera O xefe do Estado Maior Conxunto dos EUA, Charles Brown. (Foto: Eric Dietrich / Europa Press / Contacto).

Os Estados Unidos están a premer o Goberno español para conseguir a súa participación na operación no mar Vermello contra as forzas hutís (o movemento iemení enfrontado ao Goberno recoñecido por Arabia Saudita). Porén, o Executivo español mantén que non participará, aínda que deixa a porta aberta a facelo da man da OTAN ou da Unión Europea (UE).

Segundo transcendeu esta terza feira, o xefe do Estado Maior Conxunto dos EUA, Charles Brown, mantivo esta segunda feira unha conversa telefónica co seu homólogo español, Teodoro López, coa operación no mar Vermello  (a cal pretende evitar ataques hutís sobre barcos no marco do conflito existente en Oriente Medio) centrando o diálogo.

Por outra parte, perto de 250 xuristas españois considerados progresistas asinaron unha carta na que reclaman ao Goberno que se sume á demanda por xenocidio interposta por Sudáfrica contra Israel ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX) pola operación militar en Gaza.

As persoas asinantes solicitan o "apoio público" á demanda de Sudáfrica por incumprimento de Israel da Convención sobre a Prevención e o Castigo do Crime de Xenocidio en relación coa comunidade palestina, na que solicitan a imposición de obrigas e a adopción de medidas cautelares de forma inmediata.

23.210 mortes en Gaza

A denuncia de Sudáfrica dáse nun contexto no que o Ministerio de Sanidade da Faixa de Gaza elevou, segundo o seu último reporte realizado esta terza feira, a 23.210 o balance de vítimas mortais derivadas do asedio e o ataque militar de Israel, ademais das 59.167 persoas feridas.

Nas 24 horas previas ao último reporte das autoridades palestinas, estas contabilizaron 126 falecementos e 241 novas persoas feridas. Ademais, as institucións da Faixa de Gaza advertiron de que hai moitas vítimas atrapadas baixo os cascallos ás que os servizos de emerxencia non poden chegar. Neste contexto, 85% da poboación do territorio palestino viuse obrigada a abandonar os seus fogares.

Comentarios