O 'Non' do BE e do PCP aos orzamentos achega Portugal a eleccións anticipadas

O PS precisa 8 abstencións para aprobalos, mais só ten 5 aseguradas.
Jerónimo de Sousa, secretario xeral do Partido Comunsita Português. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, esta segunda feira en Lisboa (Foto: PCP)

O Partido Comunista (PCP) e o Bloco de Esquerda (BE) ratificaron nas últimas horas que votarán en contra do Orçamento do Estado 2022 (OE22) presentado polo Goberno do Partido Socialista (PS). Unha situación que pon Portugal ao bordo da crise política, no camiño dunha convocatoria anticipada de eleccións xerais. A votación á totalidade está prevista para mañá.

O líder do PCP, Jerónimo de Sousa, deixou claro esta segunda feira que o voto dos 12 escanos comunistas será contrario ao OE22. Tamén o BE advertiu ao longo da fin de semana que, salvo mudanzas de última hora, os seus 18 deputados votarán 'Non'.

O PS goberna con 108 deputados, do total de 230 da Assembleia, polo que para sacar adiante os orzamentos necesita 8 abstencións, xa que os 79 deputados do PSD (centrodereita) votarán en contra. O Partido dos Verdes (2) tamén comunicou nesta segunda que votará en contra, e coas abstencións anunciadas do animalista PAN (3) e das deputadas non adscritas Cristina Rodrigues e Joacine Katar Moreira non lle abonda ao Goberno.

Salarios e pensións

De Sousa dixo que o OE22 debe centrarse na "elevação das condições de vida do povo", nun escenario en que as "fragilidades" do país foron "agravadas" pola pandemia. Así, exixiu un "aumento geral dos salários", nomeadamente do salario mínimo até 850 euros. A proposta foi presentada polo PCP a comezos deste mes, mais o Parlamento tumbouna co voto en contra dos grupos da dereita e do PS.

Nunha chiscadela á esquerda, o primeiro ministro António Costa anunciou no sábado que aceptaba esa suba, mais non até 2025. A proposta do Goberno de Costa para 2022 é un aumento de 40 euros, até 705.

O PCP considera ademais que cómpre subir as pensións, conxeladas durante os últimos anos "por resistência do PS", segundo sinalou onte De Sousa. Para os comunistas, dado o gasto dos pensionistas en sanidade, o aumento de 10 euros até 658 non é mais que "dar com uma mão e tirar com a outra".

Sobre a posibilidade de alcanzar un acordo de última hora antes da votación de mañá, Jerónimo de Sousa asegurou aos xornalistas que non "acredita em bruxas" nin en "golpes de magia" que poida dar Costa. 

BE

Tamén Catarina Martins, líder do BE, que xa na fin de semana deixou claro o 'Non' do seu grupo, recordou onte que os nove puntos presentados ao Goberno foron rexeitados, entre estes os relacionados co combate contra a pobreza, coas pensións ou co IVE da enerxía.

Comentarios