xoves 24/09/20

Hiroshima, 8.15 horas: do estouro ao silencio

Hai 75 anos, as cidades xaponesas de Hiroshima, o 6 de agosto, e de Nagasaki, o 9 de agosto, foron atacadas polos EUA coa bomba atómica. O obxectivo, forzar a rendición do Xapón, malia que nos estertores da guerra e días de intensos bombardeos convencionais, o Imperio estaba a piques de capitular.
Reloxo recollido en Hiroshima, parado na hora exacta do lanzamento da bomba o 6 de agosto de 1945 (un.org)
Reloxo recollido en Hiroshima, parado na hora exacta do lanzamento da bomba o 6 de agosto de 1945 (un.org)

"De telo sabido, tería sido reloxeiro". É unha cita atribuída a Albert Einstein a respecto dos seus traballos sobre o uranio como fonte de enerxía e como estes levaron á fabricación da bomba atómica. Non está claro que o científico alemán ─como tantas outras frases que se lle adxudican─ pronunciase esas palabras. O que si é certo é que xa en 1939 mostrara arrepentimento polo seu papel no desenvolvemento da bomba nunha carta enviada ao daquela presidente dos EUA, Franklin D. Roosevelt. 

En 1951, volveuno manifestar. Nunha gravación que saíu a poxa en maio de 2019, afirmaba sobre o uso da bomba no Xapón: "Arrepíntome moito... Creo que foi unha gran desgraza". No audio, Einsten tamén consideraba que Roosevelt, a diferenza de Truman, "non a tería usado de estar vivo... estou convencido". 

Harry Truman chegou á Casa Branca nos estertores da Segunda Guerra Mundial tras o falecemento, o 12 de abril de 1945, de Roosevelt. O seu Goberno foi o que ordenou catro meses despois o bombardeo atómico de Hiroshima, o 6 de agosto, e de Nagasaki, o 9 de agosto, hai 75 anos. A Administración Truman vendeuno á opinión pública como un medio necesario, mesmo humanitario, de forzar a rendición de Toquio e evitar unha sanguenta invasión do Xapón.

Entre 16 e 20 kilotóns

Ás 8.15 horas locais daquel 6 de agosto ─tras varios días de intensos bombardeos convencionais sobre todo o Xapón─ o US B-29 Enola Gay deixaba caer sobre a cidade de Hiroshima, no suroeste da principal illa do país, a bomba nuclear bautizada como Little Boy ("meniño"), no primeiro uso na historia da humanidade deste tipo de armamento sobre poboación civil. Arredor de 80.000 persoas, 30% da poboación, morreron inmediatamente. Serían 140.000 a finais de 1945 e moitas máis durante os seguintes anos como consecuencia da radiación. 

Little Boy, feita con uranio-235 ─o único isótopo presente na natureza capaz de provocar unha reacción en cadea de fisión nuclear─, destruíu 70% da cidade, nunha explosión equivalente a polo menos 16 kilotóns de TNT (á desta semana en Beirut calcúlaselle 1,5 kilotóns). No momento da detonación, a temperatura elevouse varios millóns de graos. 

Tres días despois, ás 11.02 horas locais do 9 de agosto, os EUA lanzaban sobre Nagasaki, no noroeste da illa meridional de Kyushu, outra bomba nuclear, Fat Man ("home gordo", o xénero en inglés para "bomba" difire do galego). A detonación equivaleu a 21 kilotóns de TNT, destruíndo máis de 40% da cidade e matando 40.000 persoas no primeiro impacto, que serían 74.000 nos meses vindeiros.

O Xapón, que entrara na guerra tras asinar a súa alianza con Alemaña e Italia en 1940 e provocara a intervención dos EUA en 1941 despois do ataque sobre Pearl Harbor, anunciaba o 15 de agosto de 1945, unha semana despois dos bombardeos sobre Hiroshima e Nagasaki, a súa rendición. Esta fíxose efectiva o 2 de setembro, poñendo fin á Segunda Guerra Mundial. 

'Hibakusha'

Ás 8.15 horas locais desta quinta feira, 75 anos despois, en Hiroshima fíxose soar unha campá e a continuación gardouse un minuto de silencio para conmemorar a data, nun acto no Parque da Paz onde estiveron presentes algúns dos superviventes do bombardeo, os chamados hibakusha "persoas afectadas pola bomba". Habitualmente ateigado de xente, a pandemia reduciu a presenza de público nesta edición.

"Pídolle ao Goberno que asine, ratifique e se converta nunha das partes do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares", manifestou na súa intervención o alcalde da cidade, Kazumi Matsui. Os hibakusha consideran hipócrita a postura do Estado nipón, que permite a presenza de 50.000 soldados dos EUA no seu territorio e está protexido polas súas armas nucleares. 

Malia o seu compromiso a non contar con este tipo de armamento, Tokio aínda non subscribiu o tratado alcanzado en 2017 no seo da ONU. Asinárono até agora 122 Estados e ratificárono 40. Para entrar en vigor necesita ser validado por canto menos 50.

O Xapón, ao igual que as potencias nucleares, quedou á marxe da iniciativa, que se suma ao Tratado de non Proliferación Nuclear. Este restrinxe a posesión de armas atómicas e entrou en vigor hai medio século logo de ser asinado pola gran maioría dos Estados do planeta, incluído o nipón.

Días decisivos na cidade de San Francisco

Poucas semanas antes do bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki, entre o 25 de abril e o 26 de xuño de 1945, desenvolveuse a coñecida como Conferencia de San Francisco nesta cidade californiana. Neste último día, asinouse a Carta das Nacións Unidas que estabelecía a orde mundial de posguerra, co liderado dos EUA, a URSS, a China, o Reino Unido e ─posteriormente─ Francia, os vencedores da guerra.  

"A Carta das Nacións Unidas que vostedes acaban de asinar é unha estrutura sólida sobre a que podemos construír un mundo mellor [...] O mundo pode comezar a arelar un tempo en que a todos os seres humanos dignos lles sexa permitido vivir decentemente como xente libre", declaraba ante os representantes dos 50 Gobernos presentes Harry Truman.

Días despois, o 16 de xullo, partía desde San Francisco a bomba cara a base de Tinián, nas Illas Marianas, a seis horas de voo de Hiroshima. O uso de armamento nuclear sobre poboación civil naqueles días de agosto incumpriu todos os preceptos e valores da Carta. Porén, non tivo ningún tipo de consecuencia xurídica xa que esta non entraría en vigor até o 24 de outubro.

comentarios