A comunidade internacional ofrece a súa axuda ao Líbano

Máis de cen persoas morreron e unhas 4.000 resultaron feridas, segundo informou na cuarta feira, 5 de agosto, o secretario xeral da Cruz Vermella Libanesa, George Kettneh, citado por medios locais.
2020080514482397139
photo_camera Fachada dun dos edificios situados nas inmediacións do porto (Europa Press)

As autoridades do Líbano solicitaron a axuda internacional para facer fronte á situación de desastre despois das explosións rexistradas na terza feira  no porto de Beirut, a capital do  país. Máis de cen persoas morreron e unhas 4.000 resultaron feridas, segundo informou na cuarta feira, 5 de agosto, o secretario xeral da Cruz Vermella Libanesa, George Kettneh, citado por medios locais.

Os primeiros en reaccionar foron os países da rexión. Así, Qatar e Kuwait anunciaron xa o envío de material médico, mentres que Exipto e Xordania tamén se mostraron dispostos a axudar no necesario. Desde o Irán, o ministro de Exteriores, Mohamad Yavad Zarif, salientou que, "como sempre, o Irán está totalmente preparado para entregar axuda de calquera forma necesaria". "Os nosos pensamentos e rezos están co gran e resiliente pobo do Líbano", escribiu na conta do Twitter.

Fóra de Oriente Próximo, os Estados Unidos e Francia tamén ofreceron axuda, mentres que o Alto Representante da Unión Europea para Política Exterior e Seguridade Común, Josep Borrell, mostrou a "plena solidariedade" do bloque comunitario co Líbano.

Neste sentido, a Comisión Europea anunciou na cuarta feira a través dun comunicado o envío de maneira urxente dun cento de bombeiros "altamente adestrados" ao Líbano, así como vehículos, cans e equipos especializados en contextos urbanos para axudar nas operacións de rescate das persoas desaparecidas.

As explosións prodúcense nun momento en que o país atravesa unha grave crise económica ─a peor desde a guerra civil (1975-1990)─ e témese que a destrución ocasionada afecte directamente os traballos de importación de alimentos e doutros produtos básicos.

Causas descoñecidas

O presidente dos EUA, Donald Trump, afirmou ao respecto que as explosións "semellan ser un terrible ataque", malia as autoridades libanesas non confirmaren oficialmente a causa do suceso. 

A principal hipótese é que 2.750 toneladas de nitrato de amonio acumuladas durante seis anos nun dos almacéns do porto arderon polas precarias condicións de seguridade no lugar. O primeiro ministro libanés, Hasán Diab, cualificou de "inaceptábel"esta situación, aínda que na mesma terza feira tamén suxeriu que se podía tratar dunha acción deliberada.

Comentarios