A guerra en Ucraína, en directo, este 29 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 

Vehículo blindado e artillería ucraínos na cidade de Luk'yanivka (Foto: Andrea Filigheddu). Un soldado ucraíno facendo garda nun posto de control no centro da cidade de Kíiv (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi). Un voluntario selecciona roupa para os refuxiados da guerra de Rusia contra Ucraína nun centro humanitario de Zaporizhzhia (Foto: Celestino Arce Lavin).
photo_camera Vehículo blindado e artillería ucraínos na cidade de Luk'yanivka (Foto: Andrea Filigheddu). Un soldado ucraíno facendo garda nun posto de control no centro da cidade de Kíiv (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi). Un voluntario selecciona roupa para os refuxiados da guerra de Rusia contra Ucraína nun centro humanitario de Zaporizhzhia (Foto: Celestino Arce Lavin).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

19.21 | A ONU eleva a 1.179 os falecementos de civís ucraínos desde o comezo da guerra

A Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, dependente da ONU, informou nesta terza feira da confirmación de falecemento de 1.179 civís ucraínos desde o comezo da ofensiva militar rusa en Ucraína, o pasado 24 de febreiro. O organismo tamén confirma 1.860 persoas feridas.

17.32 | Ucraína propón a Rusia a súa renuncia á OTAN e unha futura negociación sobre Crimea 

As negociacións entre as delegacións rusa e ucraína desprazadas a Istanbul deixaron como principal proposta da parte ucraína a súa renuncia definitiva a formar parte da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Tamén, por primeira vez desde 2014, ábrese a negociar con Rusia sobre a situación de Crimea, mais estabelece como condición que se produza nun período de 15 anos.

Como contrapartida, o Goberno ucraíno pide poder garantir a seguridade dos seus territorios mediante acordos con terceiros países, a excepción das Repúblicas Populares de Donetsk e Luhansk.

15.56 | Rusia afirma que reducirá a ofensiva militar nas zonas de Kíiv e Chernigov

O viceministro de Defensa do Goberno de Rusia, Oleksandr Fomin, afirmou nesta terza feira que o exército ruso reducirá de forma significativa as operación de ofensiva militar que está a desenvolver até o de agora nas zonas de Kíiv e Chernigov.

Asemade, instou a que se respecte a legalidade internacional en materia de tratamento dos prisioneiros de guerra, e exixiu a Ucraína a "eliminación total da tortura contra os prisioneiros de guerra rusos".

13.34 | Máis de 3,9 millóns de refuxiados saíron de Ucraína desde o inicio da invasión

O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR) estima que máis de dez millóns de ucraínos tiveron que abandonar os seus fogares nun mes. case catro millóns saíron do país como refuxiados. Polonia, con 2,3 millóns de chegadas, é o país que máis refuxiados recibiu.

12.06 | Por que Alemaña persegue o símbolo 'Z' da guerra en Ucraína?

Desde o inicio da guerra en Ucraína, un 'Z' en branco apareceu sobre os tanques e uniformes das forzas rusas e desde entón trasladouse a diversos espazos públicos como mostra de apoio a esas tropas.

O artigo 140 do Código Penal alemán castiga con até tres anos de prisión e unha multa a quen aprobe publicamente as guerras de agresión.

10.13 | Comeza en Turquía unha nova rolda de negociacións entre Rusia e Ucraína

O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, reclamou un acordo de cesamento do fogo no marco da reunión que ten lugar en Istambul e resaltou que un avance neste sentido faría o camiño máis doado cara a un encontro cara a cara entre os presidentes Vladimir Putin e  Volodimir Zelenski.

"Cremos que non haberá perdedores nunha paz xusta. Prolongar o conflito non vai en interese de ninguén", argumentou o mandatario, segundo recolle a axencia estatal turca de noticias, Anatolia.

09.47 | Ucraína cifra en perto de 17.200 os soldados rusos mortos en combate

O Exército de Ucraína cifrou hoxe en case 17.200 os soldados rusos mortos en combate desde o inicio da guerra, unha cifra moi superior á recoñecida até o de agora por Moscova, que o venres asegurou que morreron máis de 1.350 militares desde o inicio dos enfrontamentos o pasado 24 de febreiro.

09.30 | Rusia asegura que ninguén está pensando en usar armas nucleares en Ucraína

O portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, afirmou esta segunda feira que as palabras do presidente ruso, Vladimir Putin, sobre a intervención de países terceiros na "operación militar especial" non se referían ás armas nucleares e que ninguén está a pensar en utilizar este tipo de armas en Ucraína. 

"Calquera resultado da operación, por suposto, non é motivo para o uso dunha arma nuclear. Temos un concepto de seguridade que estabelece moi claramente que só cando existe unha ameaza para a existencia do estado no noso país, podemos usar e realmente usaremos armas nucleares para eliminar a ameaza", dixo nunha entrevista na cadea de televisión PBS recollida por Europa Press.

Comentarios