Comeza en Turquía una nova rol da de negociacións entre Rusia e Ucraína

O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, pediu ás delegacións de ambos os dous países un acordo de cesamento do fogo na reunión previa ás negociacións. "Prolongar o conflito non vai en interese de ninguén", dixo. 
Escenario das negociacións en istambul. (Foto: Sergey Karpukhin / Sputnik).
photo_camera Escenario das negociacións en istambul. (Foto: Sergey Karpukhin / Sputnik).

Istambul é o escenario dunha nova rolda de negociacións entre Rusia e Ucraína, na que as delegacións de ambas as nacións se volven reunir cara a cara noutro intento por resolver as discrepancias mentres proseguen os combates.

O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, foi o encargado de saudar as delegacións antes do inicio das conversas. No seu discurso referiuse aos esforzos necesarios neste "momento crítico".

"As negociacións deron esperanza a todo o mundo. Prolongar o conflito non beneficia a ninguén. Na guerra non hai gañadores. Chegou o momento para que as negociacións dean resultados. En Turquía desexámolo sinceramente e estamos dispostos a axudar", afirmou.

O mandatario declarou que o conflito entristece Turquía, pola súa veciñanza e amizade con Rusia e Ucraína, razón que levou a Ankara a emprender desde o primeiro momento "esforzos sinceros a todos os niveis" tentando "cumprir os requisitos da amizade, da boa veciñanza e da lei".

"Demostramos un enfoque xusto que protexe e respecta os dereitos de ambas as partes en todas as plataformas nas que temos voz", sinalou.

Cesamento do fogo

Neste sentido, tamén reclamou un acordo de cesamento do fogo no marco da reunión que ten lugar en Istambul e resaltou que un avance neste sentido faría o camiño máis doado cara a un encontro cara a cara entre os presidentes Vladimir PutinVolodimir Zelenski.

"Como país que presenciou moito sufrimento na rexión, traballamos para tentar evitar un escenario similar ao norte do mar Negro", dixo Erdogan durante un encontro coas delegacións rusa e ucraína no Palacio de Dolmabahce, segundo recolle a axencia estatal turca de noticias, Anatolia.

Avances por separado

Paralelamente ás conversacións entre Rusia e Ucraína, Vladímir Medinski e David Arajamiya, líderes das delegacións rusa e ucraína, respectivamente, levan a cabo en Istambul unha rolda separada sobre "os puntos fundamentais do proceso de negociacións", segundo informou  Mijaíl Podoliak, membro da misión ucraína.

Desde que a operación militar de Rusia en Ucraína arrincou o pasado 24 de febreiro, os esforzos diplomáticos para poñer fin ao conflito armado só permitiron avanzar nalgunhas cuestións humanitarias, como a apertura de corredores seguros para evacuar a poboación civil das zonas de combate.

As negociacións entre Moscova e  Kíiv prolónganse desde o pasado 28 de febreiro. A última rolda celebrouse o 10 de marzo na cidade turca de Antalya, onde se reuniron os ministros de Exteriores de Rusia, Ucraína e Turquía.

Comentarios