A grega Syriza sofre unha escisión entre acusacións de "populismo de dereita" contra o novo líder, un ex banqueiro de Goldman Sachs

A facción Paraugas arremete contra Kasselakis por "prácticas trumpianas".
Stefanos Kasselakis a pasada semana. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Stefanos Kasselakis a pasada semana. (Foto: Nós Diario)

“Prácticas trumpianas”, en alusión ao ex presidente dos Estados Unidos entre 2017 e 2021 Donald Trump, “populismo de dereitas” ou “fanatismo e odio pola traxectoria histórica da esquerda”. Con estes cualificativos dirixidos ao novo líder da formación progresista grega Syriza, Stefanos Kasselakis, anunciou a súa escisión a facción Paraugas, que agrupaba 46 persoas das 300 do Comité Central, informaron hoxe medios internacionais.

Kasselakis, un ex banqueiro de Goldman Sachs que viviu boa parte da súa vida nos Estados Unidos, tratou de expulsar as persoas críticas da dirección da forza política, antes de instar a desenvolver un referendo entre a militancia para expulsalas ao negarse unha porcentaxe significativa da cúpula a aceptalo.

Vaguidade ideolóxica

No comunicado, Paraugas, liderada por Efklidis Tsakalotos, ex ministro de Finanzas grego entre 2015 e 2019, criticou a súa vaguidade ideolóxica e ratificou que “sentimos a nosa responsabilidade histórica”, afirmando que “a nosa visión é un socialismo con liberdade e democracia” e que insiste en estar na “esquerda”.

Ademais de Paraugas, tamén saíron nos últimos días da coalición persoeiros como Stefanos Tzoumakas, unha das persoas que Kasselakis tratou de expulsar.

Costas Eleftheriou, docente na Universidade Demócrito de Tracia, explicou que “a posición de Syriza como principal oposición xa está a ser socavada” e “fortalece o sistema de partidos dominante”.

Syriza, á baixa

Unha recompilación de enquisas do xornal Politico revelou que a intención de voto de Syriza continúa á baixa, con 16% dos sufraxios nuns eventuais comicios.

Comentarios