A grega Syriza, ao bordo da escisión despois do xiro cara á dereita do banqueiro elixido líder da formación

O novo líder trata de expulsar as persoas críticas da dirección.
Bartolomeu I, líder da Igrexa ortodoxa, e Stefanos Kasselakis. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bartolomeu I, líder da Igrexa ortodoxa, e Stefanos Kasselakis. (Foto: Nós Diario)

O profesor de Ciencias Políticas na Universidade do Peloponeso Manos Papazoglou subliñou hoxe á axencia AFP que “é probábel que nos dirixamos cara a unha escisión”, explicando que o novo líder da grega Syriza, Stefanos Kasselakis, non conta co apoio da maioría da dirección e que “nunca houbo tal desautorización a un líder político por parte dos dirixentes”.

Varios membros da dirección de Syriza acusan Kasselakis, un ex banqueiro de Goldman Sachs que viviu boa parte da súa vida nos Estados Unidos, pola viraxe a posicións conservadoras no económico, que levou ao abandono da formación do eurodeputado Stelios Kouloglou, que criticou “a falta dunha oposición seria e a proxección da vida persoal do novo presidente no diálogo público”.

Perante as críticas, Kasselakis trasladou a súa intención de expulsar tres ex ministros de Syriza, integrantes da cúpula da coalición, durante o Goberno de Alexis Tsipras entre 2015 e 2019. Un deles, Nikos Filis, insistiu en que expulsar membros “desde os Estados Unidos non é a forma na que funciona un partido”.

Comentarios