Syriza lidera a oposición

Tsipras recoñece a súa derrota e a dereita gobernará Grecia

Alexis Tsipras parabenizou o líder da dereita, Kyriakos Mitsotakis, pola vitoria electoral do seu partido nas eleccións xerais gregas. Finaliza así a etapa en que Grecia estivo gobernada pola esquerda da Syriza. Con máis da metade dos votos escrutados, todo a punta a unha maioría absoluta para Nova Democracia xa que, a pesar de só adiantar en 9 puntos a Tsipras, o sistema grego premia cun plus de 50 escanos a candidatura máis votada. Logra entrar no parlamento Varoufakis e quedan fóra os neonazis de Amencer Dourado.

Kyriakos Mitsotakis
photo_camera Kyriakos Mitsotakis, novo primeiro ministro grego pola dereita de Nova Democracia

Con máis da metade dos votos escrutados a vitoria nas eleccións xerais gregas deste domingo 7 de xullo é para a dereita de Nova Democracia e o seu líder Kyriakos Mitsotakis.

O primeiro ministro en funcións, Alexis Tsipras parabenizou xa a Mitsotakis pola súa vitoria coa que finaliza a etapa en que Grecia estivo gobernada pola Coalición da Esquerda Radical Syriza. A pesar de que a diferenza entre ambas forza é inferior a 10 puntos, o sistema electoral grego premia cun plus de 50 escanos a forza máis votada nas urnas. Este sistema pretendeuno cambiar Tsipras mais non deu tempo a aplicar a nova lei nestes comicios polo bloqueo exercido por outras forzas na cámara.

Co 56% do voto escrutado a Nova Democracia acadaría o 39,7% dos votos e 158 escanos. Séguelle a Syriza co 31,39% e 86 escanos. O Movemento polo Cambio (o antigo Pasok socialdemócrata) con 8,23% e 22 escanos. O partido comunista KKE acada o 5,33% dos votos e 15 escanos. A ultradereita Solución Grega ten 3,68% dos votos e 10 escanos. Entra no Parlamento o partido internacional de esquerdas liderado por Yanis Varoufaquis (ex ministro de finanzas de Tsipras) ao ser capaz de superar o 3% e consegue 9 deputadas e deputados. Fica sen representación por primeira vez desde 2012 o partido neonazi Amencer Dourado.

Os colexios electorais gregos abriron ás 7 da mañá para que as case dez millóns de gregas e gregos chamados ás urnas puideran exercer o seu dereito ao voto nas eleccións xerais ao parlamento heleno. O primeiro ministro Alexis Tsipras convocou os comicios para este domingo 7 de xullo de maneira adiantada, após solicitar a disolución a cámara ao presidente da república, Prokopis Pavlopulos, debido aos malos resultados da Syriza nos pasados comicios europeos e locais.

O mandatario grego e líder da Syriza tomou nota desta maneira do fracaso electoral colleitado pola súa formación nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo do 26 de maio e as municipais do 2 de xuño, que deixaron a Coalición da Esquerda Radical (Syriza) nunha complicada situación após ficar case nove puntos porcentuais por detrás da dereita do partido Nova Democracia.

A maioría das enquisas daban por feito a vitoria do líder da Nova Democracia, pertencente a unha longa saga político-familiar. O seu pai foi primeiro ministro grego, a súa irmá dúas veces ministra e o seu sobriño é o actual alcalde de Atenas.

O obxectivo da Syriza estaba máis ben e marcar a súa posición como primeira forza da oposición e formación de referencia para a esquerda.

Con estes resultados, aínda provisionais, Nova Democracia subiría 60 escanos respecto aos logrados en 2015, mentres a Syriza baixaría outros tantos. A socialdemocracia do Movemento polo Cambio subiría 2 e o KKE manteríase igual nos 15, mentres Amencer Dourado perdería os seus 16 representantes.

Significada é no campo da esquerda a entrada de DIEM25, a formación internacional impulsada polo ex ministro de finanzas grego Yanis Varoufakis.

Varoufakis dimitira após o goberno de Tsipras aceptar as imposicións da troika que foran rexeitadas no referendo convocado polo propio líder da Syriza en xullo de 2015. O ex ministro apresentouse nas pasadas eleccións do 26 de maio de 2019 ao Parlamento Europeo por Alemaña, mais quedou fóra da eurocámara.

Agora volve ao Parlamento grego. As enquisas sinalaban que era posíbel que superase o límite do 3% dos sufraxios necesarios para poder acceder, mais descartaban que acumulase todo o voto que prognosticaban que a Syriza ía perder.

O Parlamento grego, coñecido como o Consello dos Helenos sitúase na popular praza Sintagma en Atenas (que acolleu as masivas mobilizacións contra a troika) e conta cun total de 300 membros que se elixen por sufraxio directo, universal, secreto e obrigatorio, para un período de 4 anos.

O partido máis votado recibe ese extra de 50 dos 300 escanos do parlamento, polo que só 238 escanos son adxudicados en 56 circunscricións electorais. Outros 12 distribúense proporcionalmente a escala nacional, cun limiar do 3% requirido para obter representación parlamentaria

Comentarios