INTERNACIONAL

Grecia podería ficar fóra de Schengen

Grecia podería ficar fóra de Schengen

A Comisión europea presiona o país heleno para frear a chegada de persoas refuxiadas mentres Suecia se prepara para deportar entre 60 e 80 mil. 

Zalmai_Lesbos
photo_camera [Imaxe Zalmaï / Human Rights Watch]

O comisario europeo e vice-presidente da Comisión europea, o grego Valdis Dombrovskis, avanzou na cuarta feira (27 de xaneiro) algúns dos aspectos que compoñen o relatorio deste órgao de goberno a respeito do control de fronteiras exteriores da UE. 

Após a xuntanza decorrida entre @s responsábeis de Interior dos 26 Estados Membros da Unión na que solicitaron a aplicación do artigo 26 do espazo Schengen, a Comisión estuda un documento que aínda non foi feito público mais no que se estabelece un período de 3 meses para que Grecia corrixa as "innumerábeis fallas" que os seus socios europeos din detectar no cumprimento das políticas migratorias da UE. 

O relatorio foi elaborado a partir da peritaxe desenvolvida en novembro de 2015 por persoal comunitario na fronteira grega con Turquía e as dúas illas do Exeo (Lesbos e Kos) que constitúen a principal entrada de persoas refuxiadas no territorio da Unión. 


Incumprimentos na política migratoria, di Bruxelas 

"O proxecto do relatorio conclúe que Grecia neglixenciou seriamente as súas obrigas e que hai graves deficiencias nas fronteiras exteriores que deben ser ultrapasadas", dixo en comparecencia de imprensa Valdis Dombrovskis. "Sabemos que Grecia está baixo presión. Porén, os inspectores constataron que non foi montado un sistema para a identificación e o rexistro de inmigrantes irregulares, que as súas pegadas dixitais non están a ser inseridas no sistema e que os documentos de viaxe non están a ser sistematicamente verificados para confirmar a súa autenticidade ou para confirmar se constan nas bases de dados de seguridade", acrecentou. 

"Grecia neglixenciou seriamente as súas obrigas", din desde Bruxelas

Neste senso, de se aprobar o documento --para o que cumprirá unha maioría cualificada da Comisión-- Grecia contará con tres meses para introducir as mudanzas exixidas polo executivo europeo. Entre elas, a constitución de mesas que rexistren e verifiquen as persoas que chegan ao seu territorio, a construción de centros de internamento para extranxeiros e a mellora das condicións dos que xa existen. 

Se isto non se cumprir, desde Bruxelas advirten que autorizarán os Estados membros a prolongar durante dous anos o control sobre as súas fronteiras o que, de facto, suporía a suspensión de Grecia do Acordo Schengen. Desde o goberno grego sinalan que se isto acontecer ficarían sós na xestión da maior crise migratoria desde a II Guerra Mundial. 

E é que en 2015 chegaron ás súas costas 850 mil persoas e só en xaneiro de 2016, 46 mil através das rotas no Mediterráneo. O ministro grego, Yannis Mouzalas, asegurou que o seu executivo está aberto "a todas as propostas dos seus parceiros" mais tamén cuestionou que até o de agora "non hai" ningunha riba da mesa. Aliás, asegurou que están a introducir melloras nos "hotspots" [puntos quentes] de chegada de [email protected] 

En 2015 chegaron a Grecia 850 persoas deslocadas forzosamente. Só en xaneiro de 2016 através do Mediterráneo 46 mil

Porén, as presións sobre Grecia non chegan só desde a UE. Desde as Nacións Unidas o alto comisionado para os refuxiados, Philippe Leclerc, urxiu organizar "os repatriamentos voluntarios, ou forzados, dos migrantes que non cumpren os requirimentos, para que o sistema de protección de refuxiados non sexa posto en causa". 


Deportacións en Suecia 

Algo que xa está a acontecer en Suecia. O goberno sueco que mantén controis interiores na súa fronteira con Dinamarca --cos que reduciu a chegada ao país de persoas refuxiadas-- avanzou que iniciarán a deportación de entre 60 e 80 mil persoas. Trátase de solicitantes de asilo --dun total de 163 mil en 2015-- aos que lles foi rexeitada. 

Suecia alugará voos comerciais para proceder ás deportacións. En total a metade das persoas que solicitaron asilo

As deportacións están a desenvolverse na actualidade através de voos comerciais mais o executivo de coligazón (social-demócratas e Verdes) prevé alugar compañías aéreas para levalos a cabo ao se tratar de milleiros de persoas. Un proceso que podería prolongarse durante varios anos. 

Suecia é un dos Estados membros da UE máis críticos coa política migratoria e de control de fronteiras comunitaria. Trátase do territorio que máis solicitudes de asilo per cápita recibiu, xunto con Dinamarca, 163 mil nunha poboación total de menos de 10 millóns de habitantes. Segundo as autoridades gobernamentais foron aceptadas o 55% das mesmas. 

Aliás, nas últimas semanas o executivo informou da denuncia de casos de agresión sexual a mulleres que foron atribuídos a persoas solicitantes de refuxio, como aconteceu en Colonia e Hamburgo (Alemaña). Asemade, en Suecia unha traballadora dun centro de internamento para refuxiados foi asasinada durante unha briga entre refuxiados. 

comentarios