INTERNACIONAL

A UE blinda fronteiras e legaliza a confiscación de bens a [email protected]

A UE blinda fronteiras e legaliza a confiscación de bens a [email protected]

Os 26 inician os trámites legais para limitar Schengen e Dinamarca aproba o requisamento de obxectos de valor ás persoas refuxiadas, unha medida que xa se aplica nalgún länder alemán e Suíza.

Refuxiados sirios chegando a Grecia
photo_camera Refuxiados sirios chegando a Grecia [Imaxe UN]

Os Estados membros da UE blíndanse perante a crise de persoas refuxiadas. Esta segunda feira (25 de xaneiro) acordaron, através dos seus Ministerios de Interior, solicitar á Comisión europea que inicie os trámites legais para activar o artigo 26 do código fronteirizo coñecido como espazo Schengen. 

Unha decisión excepcional que prevé a prolongación por un período de 2 anos das medidas adoptadas por algúns territorios como Austria, Alemaña e Dinamarca que estabeleceron controis fronteirizos e mesmo de identidade. "Se a situación non muda e continúa o risco serio para a orde pública e para a seguridade interior, algúns Estados membros, non digo cales, poderían manter os controis nas súas fronteiras interiores para alén do tempo previsto", sinalou o comisario de Interior e Inmigración, o grego Dimitris Avramopoulos. 

Austria advirte coa redución de Schengen aos países centroeuropeos o que deixaría fóra Grecia

Porén, a súa homóloga austríaca foi máis contundente nas súas declaracións após o encontro informal desenvolvido en Ámsterdam ao asegurar que se a Unión non consegue "protexer" a súa fronteira exterior --isto é, a de Grecia con Turquía-- "entón a fronteira exterior de Schengen trasladarase cara Centroeuropa". Johanna Mikl-Leitner situaba o foco do debate nunha mudanza do espazo de libre circulación de persoas da UE que podería deixar fóra a Grecia. 

No entanto, esta é unha idea que outros Estados membros da UE quixeron desbotar asegurando que non se trata dunha discusión arredor da expulsión dun país "senón no contexto de manter aos outros dentro do marco das medidas nacionais". 
 

Confiscación de bens 

Sexa como for, a crise de persoas refuxiadas está a deixar en evidencia o perfil dos gobernos conservadores dos estados centroeuropeos que lideran o debate arredor da xestión do problema social xerado a raíz dos conflitos armados no Oriente Medio, nomeadamente no Afganistán, Iraq e Siria, principais lugares de orixe das persoas refuxiadas que solicitan asilo na UE. 

Baviera e Baden-Württemberg xa confiscan bens cun valor entre os 350 e 750 euros ás persoas refuxiadas 

Neste senso, a principal polémica orixinouse após anunciar o goberno de Dinamarca a súa intención de legalizar a confiscación policial de bens entre aquelas persoas ás que lles fose concedido o dereito de asilo para facer fronte, defenden as autoridades danesas, aos custes do seu acollemento. A medida foi aprobada polo Parlamento --cos votos favorábeis do Partido Liberal, o Partido Popular danés, a Alianza Liberal e o Partido Popular Conservador. 

A norma permite á policía procurar e confiscar obxectos de valor ás persoas refuxiadas. No concreto aquelas que superen as 3 mil coroas --algo máis de 4 mil euros. 

Malia que a medida saltou á imprensa internacional desde Dinamarca, o certo é que outros países como Suíza tamén están a desenvolver estes requisamentos. Entre eles, estados alemáns como Baviera ou Baden-Württemberg onde se están a confiscar bens que superen entre 350 e 750 euros apelando á normativa interior na que se require ás persoas solicitantes de axudas sociais que teñan consumidos previamente os seus recursos económicos. 

Porén, desde múltiples sectores de defensa dos dereitos humanos aseguran que estas medidas lembran inevitabelmente o expolio dos xudeus durante o nazismo. 
 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios