Grecia aproba a xornada laboral de até 13 horas malia as protestas

Esta quinta feira milleiros de persoas secundaron unha folga xeral para protestar contra a norma que hoxe aprobou o Parlamento.

Esta quinta feira convocouse unha folga xeral en sinal de protesta. (Foto: Aristidis Vafeiadakis / Zuma Press)
photo_camera Esta quinta feira convocouse unha folga xeral en sinal de protesta. (Foto: Aristidis Vafeiadakis / Zuma Press)

Mentres cada vez máis voces claman por reducir a xornada laboral a catro días e un total de 32 horas semanais, o novo Goberno grego do conservador Kyriakos Mitsotakis vén de aprobar unha reforma laboral que abre a porta, entre outras cuestións, a traballar até 13 horas por día. Esta quinta feira, no día previo á votación no Parlamento que hoxe saíu adiante —grazas á maioría absoluta da súa formación, Nova Democracia—, milleiros de persoas secundaron a folga xeral convocada durante 24 horas e tomaron as rúas do país en sinal de protesta ante o que consideraban unha norma que autoriza a "escravitude moderna".

A reforma aprobada permite aos traballadores e traballadoras teren un segundo emprego, dun máximo de cinco horas diarias, xunto á súa actividade principal de oito horas ao día. Ou, o que é o mesmo, poderían ter unha xornada dobre de até 13 horas no caso de cumpriren este suposto.

Mais non queda aí a reforma. O Executivo conservador, após recibir luz verde este texto, autoriza tamén o empresariado a estabelecer unha xornada laboral de seis días para o seu persoal, engadindo o sábado ou o domingo ás segundas, terzas, cuartas, quintas e sextas feiras. E as empresas poderán modificar os horarios das e dos traballadores 'de garda' avisando con só 24 horas de antelación, a fin de "adaptalos ás necesidades de produción".

O ministro de Traballo, Adonis Georgiadis, xustificou a reforma argumentando que busca "estimular o emprego e aumentar o número de postos viábeis e correctamente pagos". Porén, as críticas sucedéronse nas últimas horas desde as forzas da oposición, todas elas contrarias a esta reforma que só recibiu o 'si' dos 158 —sobre 300— escanos de Nova Democracia.

"O Goberno avanza na plena desregulación dos dereitos laborais fundamentais, en beneficio dos grandes intereses empresariais", censuraron desde Syriza, que nos comicios do pasado xuño ficou en segunda posición.

Comentarios