martes 24/11/20

O Goberno español ábrese a estudar a implantación dun toque de queda

As próximas semanas serán "moi duras", advirte o ministro de Sanidade, Salvado Illa. 
O conselleiro de Sanidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero (xunto a Isabel Ayuso) formulou a idea de pedir un toque de queda (Foto:  Óscar Cañas / Europa Press)
O conselleiro de Sanidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero (xunto a Isabel Ayuso) formulou a idea de pedir un toque de queda (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)

Un toque de queda para facer fronte á pandemia, suxeriu esta terza feira, 20 de outubro, o conselleiro de Sanidade do Goberno de Madrid, Enrique Ruiz Escudero, no marco dun almorzo informativo, como medida para substituír o estado de alarma que caduca este sábado.

A rexión de Madrid é así a primeira comunidade en aludir a esta cuestión. Pola súa banda, o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, instou o Goberno da popular Isabel Díaz Ayuso a solicitar o toque de queda formalmente se así o queren. "O máis importante é saber se a Comunidade de Madrid oficialmente está pedindo o toque de queda", dixo o mandatario. 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, amosouse aberto a estudar a posibilidade de decretalo, aínda que avisou a Madrid e o PP de que tal restrición requiriría da aprobación do estado de alarma (dada a implicación de suspensión de dereitos fundamentais) e instou os populares a aclarar se contarían co seu apoio nas Cortes Xerais.

"O toque de queda é unha das posibilidades que se pode aprobar para evitar a propagación do coronavirus e así o estudará o Goberno con todas as comunidades autónomas", dixo Illa após o Consello de Ministras e Ministros. Precisamente, na quinta feira 21 de outubro, está previsto que se reúna o Consello Interterritorial de Saúde para analizar as próximas restricións. 

Illa insistiu en que o toque de queda é só unha opción das moitas que poderían pórse en marcha para evitar a propagación da pandemia e deixou aberto tanto o marco territorial no que se aplicaría como as súas concrecións respecto aos horarios ou outros aspectos.

O Goberno non vai pedir prórroga da alarma

Na fin de semana vencerá a vixencia do estado de alarma sobre Madrid e o ministro avanzou que o Goberno español non vai pedir a prórroga e emprazou, por tanto, o Executivo de Ayuso a publicar unha nova orde para manter o fechamento do concello de Madrid e dos outros oito municipios desa comunidade con alta incidencia pandémica.

Os contaxios na rexión baixaron logo de 21 días de medidas "moi estritas", recoñeceu Illa, mais alertou de que os datos seguen sendo "preocupantes".

A segunda onda está aquí e veñen semanas duras

O ministro avisou de que as próximas semanas serán "moi duras" e chamou a cidadanía a reducir a mobilidade e os contactos ante unha "segunda onda que xa é una realidade".

Illa destacou as medidas que están a adoptar as comunidades autónomas, algunhas delas "moi importantes e contundentes". Así, o ministro explicou que o Goberno estatal non quere "substituír" ningunha Administración, senón "exercer un papel de coordinación".

Dimiten altas xerentes da Atención Sanitaria de Madrid

Continúan os sobresaltos e as baixas na Consellaría de Sanidade do Goberno da Comunidade de Madrid. Esta terza dábanse a coñecer dúas renuncias moi importantes na estrutura do servizo de Saúde da rexión: a xerente asistencial da Atención Primaria da Comunidade de Madrid, Marta Sánchez-Celaya, que ocupaba o cargo desde había cinco anos, e a xerente asistencial de Hospitais, Bárbara Fernández. Estas renuncias súmanse ás sete importantes dimisións producidas desde maio na Consellaría de Sanidade, sendo a máis lembrada a do conselleiro de Políticas Sociais, Alberto Reyero, a da directora xeral de Saúde Pública, Yolanda Fuentes (contraria a que o Goberno de Madrid pedise o paso á fase 1 do desconfinamento) ou Emilio Bouza, portavoz do grupo de coordinación da Covid-19 en Madrid.

Catalunya baixa o alugueiro á hostalaría a 50%

Ante a hostalaría e o sector do ocio nocturno afogados polas restricións, o Govern de Catalunya (onde os bares e restaurantes levan fechados desde a pasada semana) anunciou a aprobación dun decreto que obriga a reducir a 50% os alugueiros que paga a hostalaría, de antes non lograrse un acordo entre o negocio e o dono do local. 

O Goberno español ábrese a estudar a implantación dun toque de queda
comentarios