Debate do Estado da Nación

PP e PSOE pedirán no Parlamento condenar o "terrorismo de Hamás contra Israel"

Os grupos popular e socialista rexistran senllas propostas de resolución ante a Mesa do Parlamento para exixir no hemiciclo unha condena unánime das accións terroristas contra o pobo israelí, eludindo mencionar explicitamente os ataques contra civís palestinos.
Edificio derruído na cidade israelí de Ashkelon. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera Edificio derruído na cidade israelí de Ashkelon. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)

O Debate do Estado da Nación chegará esta cuarta feira, 11 de outubro, á súa conclusión a través da votación das diferentes propostas de resolución que presente cada grupo parlamentario —un máximo de 40 por cada forza política—. E tanto PP como PSdeG teñen previsto sacar a colación no hemiciclo a guerra entre Israel e Palestina.

Nos documentos remitidos á Mesa do Parlamento por cada unha destas formacións para presentar as súas propostas, consultados por Nós Diario, figuran senllas condenas do "terrorismo" e dos "discursos que o xustifiquen", en clara alusión a Hamás. "O que vemos en Israel non ten xustificación", dixo esta terza feira en rolda de prensa a secretaria xeral do PP, Paula Prado, que eludiu, pola contra, mencionar os recentes bombardeos sobre Gaza.

En concreto, a proposta de resolución rexistrada polos populares di o seguinte: "O Parlamento da Galiza acorda como Resolución a condena do terrorismo e de calquera discurso que xustifique ou minimice ou non condene as súas graves consecuencias, pois provoca unha dor incalculable na poboación civil e a perda de vidas humanas, e nunca pode ser o medio para lograr obxectivos políticos, sexan os que sexan".

Pola súa parte, perante a súa propia iniciativa os socialistas instan a Xunta a "actualizar" as políticas de cooperación "de forma participada e dialogada coas entidades do sector", fixando o obxectivo de alcanzar para este fin un investimento de 0,7% en 2030, e a continuación engade: "[...] Así como condenar calquera acción terrorista como a levada a cabo polo grupo Hamás contra o pobo de Israel, e dirixirse ao Goberno do Estado para instar o Goberno da UE a que manteña todas as axudas ao pobo palestino", en alusión ao anuncio —logo rectificado— de que a Comisión Europea cortaría a axuda humanitaria a Palestina.

Un conflito agravado

Israel anunciou esta segunda feira un "asedio completo" sobre a Faixa de Gaza, despois de que o seu ministro de Defensa cualificara a resistencia palestina como "animais". O conflito, que deu comezo o sábado cun ataque de Hamás, xa deixa máis de 1.400 persoas falecidas.

Comentarios