Garda Civil emprega o ‘off’ de Irene Montero no seu novo informe sobre o 8-M

Corrixe erros do primeiro documento mais mantén a tese de que o Goberno español coñecía desde primeiros de ano a gravidade real do coronavirus.

Irene Montero, moción de censura 13 de xuño de 2017.
photo_camera Irene Montero.

"Operación Sanitario. Supostos delitos de prevaricación administrativa e lesións por imprudencia", rezaba a capa do informe de 83 páxinas elaborado pola Policía Xudicial da Comandancia de Madrid, dirixida polo coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, cesado por falta de confianza polo ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, a raíz dese mesmo informe. 

O informe enviada ao xulgado número 51 de Madrid para criminalizar a xestión do coronavirus, e concretamente o permiso ás marchas do 8 de marzo, xerou un escándalo ao estar repleto de erros e falsidades.

Segundo informa El País, agora vénse de enviar ao xulgado unha nova versión do informe, que suprime erros e terxiversacións, como que a declaración da OMS de pandemia foi o 30 de xaneiro (cando foi 11 de marzo, 3 días despois do 8-M).

Porén, a Garda Civil teima na súa tese de que o Goberno español contribuíu a que se estendera o virus. Entre os elementos novos achegados neste segundo informe, está o ‘off the record’ da ministra Irene Montero.

O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixiu esta cuarta feira unha investigación “seria e independente” para clarexar a posíbel filtración desde os arquivos da televisión pública a un medio privado da previa dunha entrevista á Ministra de Igualdade, Irene Montero, na que facía uns comentarios confidenciais sobre as manifestacións do 8-M.

Comentarios