A Garda Civil fabrica un relato contra o 8-M

Nas 83 páxinas do informe elaborado pola Policía Xudicial da Comandancia de Madrid, dirixida até a segunda feira polo coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, constrúese un relato con imprecisións, erros de datas e titulares de prensa ultraespañolista, para responsabilizar do contaxio do coronavirus as mobilizacións do 8-M e o Goberno estatal por permitilas.
 
De los Cobos, chegando á Audiencia Nacional para testificar no xuízo contra o referendo catalán (Imaxe: Eduardo Parra / EP)
photo_camera De los Cobos, chegando á Audiencia Nacional para testificar no xuízo contra o referendo catalán (Imaxe: Eduardo Parra / EP)

"Operación Sanitario. Supostos delitos de prevaricación administrativa e lesións por imprudencia", reza a capa do informe de 83 páxinas elaborado pola Policía Xudicial da Comandancia de Madrid, dirixida até a segunda feira polo coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, cesado por falta de confianza polo ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, a raíz dese mesmo informe. 

O informe constrúe un relato con datos inexactos que pon o foco da propagación do coronavirus na mobilización feminista do 8 de marzo en Madrid e apunta a responsabilidade do Executivo estatal por non tela prohibido.

En concreto, o documento bota boa parte da culpa sobre o delegado do Goberno en Madrid, José Luís Franco, que precisamente na segunda feira, 25 de maio, foi citado como investigado pola xuíza que leva o caso a raíz das páxinas escritas pola benemérita.

Noticias de medios ultraespañolistas como OK Diario e datas erróneas fundamentan moitos parágrafos do informe, difundido pola Cadena Ser. Xa de primeiras, salta á vista un erro de calado que debera tombar calquera conclusión apoiada neste documento: o informe sinala a declaración do coronavirus como pandemia pola Organización Mundial da Saúde a 30 de xaneiro. Isto non aconteceu nesa data, senón 40 días despois, o 11 de marzo, polo que o 8-M decorreu antes da declaración da pandemia. 

O informe tamén mestura declaracións descontextualizadas con titulares de prensa ultradereitista. Na páxina 74 recóllese unha frase do ministro Pedro Duque en rolda de prensa sinalando que en xaneiro o Executivo xa empezara a traballar sobre o virus. O informe cola un titular extraído do digital Ok Diario a modo de conclusión: "por tanto,  o Goberno xa coñecía desde o mes de xaneiro a gravidade da epidemia", di o texto. 

A operación e a xuíza

A Operación Sanitario investiga así a suposta prevaricación administrativa en que tería incorrido o Executivo estatal e ten a súa orixe formal nunha denuncia que un particular presentou contra o presidente Pedro Sánchez e as delegadas e delegados do Goberno nas comunidades, culpándoas de permitiren as mobilizacións do 8-M.

A titular do xulgado número 51 de Madrid, Carmen Rodríguez-Medel, é a xuíza, aínda que non ten competencia para xulgar o acontecido noutras autonomías diferentes á madrileña. 

Logo de Marlaska ter cesado o coronel De los Cobos, "por falta de confianza", Medel, filla e irmá de gardas civís, escribiu ao Ministerio de Interior para sinalar que desde o inicio da investigación deu orde expresa á Garda Civil  de "gardar rigorosa reserva" sobre as investigacións encomendadas, e advertiu no escrito a Interior de que impedilo, daría lugar a infraccións penais.

O escrito da xuíza quer blindar así que De los Cobos non trasladara a Interior o informe da Garda Civil contra o Goberno porque así llo ordenara a propia Rodríguez-Medel.

O coronel De los Cobos

De los Cobos ten un longo historial xunto a Gobernos do PSOE e do PP. Foi dos poucos gardas civís xulgados por torturas nas últimas décadas, co caso de malos tratos a Kepa Urra en 1992. As torturas a ese preso vasco foron acreditadas, mais non se demostrou a autoría de De los Cobos.

Posteriormente, en 2017, dirixiu a resposta violenta contra as persoas que querían votar no referendo catalán de 1 de outubro de 2017, estando á fronte do operativo policial.  


Causa Galiza sinalou en Twitter De los Cobos como "corresponsábel" da Operación Jaro contra esa organización soberanista e lembraba a súa contorna: o seu irmán é Francisco De los Cobos, ex militante do PP e ex presidente do Tribunal Constitucional cando se anulou a consulta de autodeterminación en Catalunya en 2014. O seu pai tería sido candidato da fascista Fuerza Nueva en 1997.

Marlaska sobe o soldo á benemérita

Tan só un día despois do cese do coronel De los Cobos, coñecíase nesta terza feira, 26 de maio, a dimisión do director adxunto operativo (DAO) da Garda Civil, Laurentino Ceña. Aínda que desde fontes da benemérita se quixo vincular a un protesto ante a substitución de De los Cobos, Marlaska saíu nesta terza á rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras para indicar que  a substitución do DAO xa fora acordada antes da pandemia e que o propio Ceña xa o sabía de hai tempo. 

Co maremoto no corpo militar, e coa xuíza axexando, Marlaska, que non tiña previsto comparecer, saíu á rolda de prensa de para anunciar unha suba de soldo na Garda Civil e na Policía Nacional. A decisión foi aprobada polo Consello de Ministras mesmo e suporá un gasto de 247 millóns de euros para o aumento salariais das e dos axentes.

For ou non a intención do Goberno español, o certo é que unha suba retributiva en medio desta desatada crise en Interior semella querer comprar as disidencias. 
 

Comentarios