Francia investiga os casos de espionaxe mediante Pegasus

O de Marrocos é un dos Gobernos sinalados pola investigación xornalística.
EuropaPress_3807929_president_of_france_emmanuel_macron_french_prime_minister_jean_castex
photo_camera Macron e Castex, o pasado 25 de xuño durante un partido de rugby (Foto: AFP7 / Europa Press)

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, ordenou a apertura dunha investigación sobre a suposta espionaxe contra xornalistas, activistas e políticos, el incluído, a través do software Pegasus, de fabricación israelí, segundo informou esta cuarta feira o primeiro ministro francés, Jean Castex.

Castex reiterou nunha entrevista concedida á cadea de televisión TF1 que "se os feitos se demostran, son graves". "É necesario que analicemos isto de forma máis precisa debido á potencial gravidade [para saber] cal é a realidade e o grao de 'infección'", manifestou.

"O presidente da República ordenou toda unha serie de investigacións. Sería irresponsábel pola nosa banda falar destas cousas sen saber exactamente a situación e as medidas que poderían ser levadas a cabo pola nosa banda", remachou o primeiro ministro.

Fontes do Executivo francés confirmaron na terza feira que as autoridades cambiarían os teléfonos móbiles do presidente e a seguridade destes dispositivos configurouse da maneira "máis restritiva posíbel" ante as sospeitas de que puidese ser espiado por axentes estranxeiros.

Así mesmo, a Fiscalía francesa anunciou a apertura dunha investigación despois de que varios medios de comunicación revelasen o pasado domingo que varios xornalistas do diario dixital Mediapart, como Lénaïg Bredoux e Edwy Plenel, están entre os máis de 180 profesionais da comunicación espiados en todo o mundo a través deste software, accións que serían levadas a cabo de forma encuberta por diversos Gobernos.

"Campaña maliciosa"

O de Marrocos, un dos sinalados por esta suposta espionaxe, rexeitou tamén na xornada de hoxe as acusacións e denunciou unha "campaña mediática" contra Rabat, á vez que reclamou que se presenten "probas tanxíbeis" sobre a súa participación nestas actividades.

A investigación sobre esta ferramenta está a cargo do consorcio de medios Forbidden Stories, con sede en París, que asegura que as probas foron obtidas dos propios teléfonos a través dunha análise forense realizada polo laboratorio de seguridade da organización Amnistía Internacional.

Rabat indicou nun comunicado que existe unha "campaña mediática enganosa, masiva e maliciosa" contra o país.

Comentarios