Un software israelí espía xornalistas, activistas e políticos por todo o mundo

Unha investigación internacional despois da filtración de 50.000 números de teléfono que eran obxecto de investigación desvela o uso do programa Pegasus para espiar e reprimir xornalistas, activistas e políticos de todo o mundo. Foi usado en 2019 contra o president do Parlament de Catalunya, Roger Torrent.
Manifestación en febreiro en Sri Lanka en protesta contra o asasinato de Khashoggi. (Foto: Pradeep Dambarage / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Manifestación en febreiro en Sri Lanka en protesta contra o asasinato de Khashoggi. (Foto: Pradeep Dambarage / Zuma Press / Contactophoto)

A filtración dunha listaxe de 50.000 números de teléfono de potenciais obxectivos de vixilancia revela que o software espía Pegasus, da empresa israelí NSO Group, é utilizado para espiar xornalistas, activistas polos dereitos humanos e líderes políticos de distintas partes do planeta, segundo unha investigación desenvolta por 17 medios internacionais.

Coa coordinación de Forbidden Stories, una organización de medios de comunicación sen ánimo de lucro con sede en París, e o apoio técnico de Amnistía Internacional, medios como The Guardian, Le Monde ou Süddeutsche Zeitung foron quen de identificar mil persoas de 50 Estados diferentes recollidas na filtración. Ademais de 180 xornalistas, aparecen 85 activistas, 65 altos cargos de empresas e máis de 600 funcionarios e políticos, incluíndo xefes de Estado.

A partir deste traballo foron descubertos posíbeis clientes deste software en 11 Estados: Arabia Saudí, Acerbaixán, Bahrain, Emiratos Árabes Unidos, Hungría, India, Casaquistán, Marrocos, México, Ruanda e Togo.

Ao longo desta semana iranse facendo públicas distintas partes da investigación, mais os participantes salientan que esta espionaxe deu cobertura a numerosas violacións dos dereitos humanos. En México, ademais do círculo do presidente Andrés Manuel López Obrador, aparecía como obxectivo o xornalista Cecilio Pineda, asasinado en 2017.

Pegasus tamén foi usado contra o xornalista saudita Jamal Khashoggi, asasinado -como recoñeceron os EUA- por orde directa do herdeiro ao trono, o príncipe Mohamed bin Salmán, na embaixada de Arabia Saudita en Istambul (Turquía) o 2 de outubro de 2018.

Malia que a empresa israelí negou en distintas ocasións que o seu produto fora usado para espiar a familia de Khashoggi, a investigación demostra como a súa prometida, a súa muller e un dos seus fillos foron interceptados por Pegasus.

Na India, amais do control ilegal das comunicacións de 40 xornalistas dos principais medios, foron investigados centos de políticos, incluído Rahul Gandhi, presidente do Partido do Congreso Nacional e principal rival político de Narendra Modi, presidente da India polo conservador Bharatiya Janata Party.

Tamén foron identificados como posíbeis obxectivos xornalistas de medios de comunicación internacionais como Associated Press, CNN, The New York Times ou Reuters. Entre eles a directora de Financial Times, Roula Khalaf, e xornalistas no Estado español, Francia ou Reino Unido.

Este traballo “pon ao descuberto que o software espía de NSO é a arma preferida dos gobernos represivos que intentan silenciar xornalistas, atacar a activistas e rematar coa disidencia, poñendo en perigo innumerábeis vidas”, afirmou Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional.

Callamard respondeu que “estas revelacións botan por terra” a defensa de NSO de que estes ataques "son pouco frecuentes e obedecen a un uso fraudulento da súa tecnoloxía”. Por moito que sosteñan que Pegasus só é utilizado para investigacións penais e de terrorismo, apunta a activista que “a súa tecnoloxía facilita a comisión de abusos sistemáticos.NSO debuxa unha imaxe de lexitimidade mentres saca proveito de violacións de dereitos humanos xeneralizadas”, polo que reclama que se suspenda o uso deste software até que “poidan demostrar que son capaces de respectar os dereitos humanos”.

Unha arma controlada por Israel

Un dos fundadores de NSO Group en 2010, Shalev Hulio, retomou hai poucos anos o control da compañía, que tivo como CEO até a súa morte en 2016 a Avigdor Ben-Gal, xeneral retirado do Exército de Israel. 

En 2012, Israel decide catalogar como unha arma o software Pegasus, co cal pasa a decidir a quen se lle pode vender o programa. Quedan prohibidas as transaccións con empresas privadas e só será ofrecido a aqueles gobernos que Executivo israelí desexe.

Un programa que se pode introducir nos teléfonos móbiles sen premer nada

Ben que tamén pode actuar para introducirse nos móbiles tras premer unha ligazón por medio dun SMS ou das redes sociais, a investigación explica que Pegasus só precisa un número de teléfono -ou unha localización de onde se atopa o terminal- para poder introducirse no teléfono aproveitando os erros dos programas que se utilizan de xeito cotián.

En 2019, WhatsApp denunciou que o software entraba no teléfono por medio dunha videochamada na que a persoa investigada non tiña sequera que aceptar para que Pegasus tomase o control.

Unha vez dentro, a empresa pode escoitar e gravar chamadas, así como calquera conversa que se produza perto do móbil, activar a cámara, acceder a toda a información gardada, correos electrónicos, multimedia ou contactos.

Comentarios