INTERNACIONAL

Francia intensifica os bombardeos en Siria após os ataques de París

Francia intensifica os bombardeos en Siria após os ataques de París

O executivo de François Hollande dirixiu as súas hostilidades contra a cidade de Raqqa, reivindicada polo ISIS como a súa capital. Ao tempo, decorreron 168 operativos das forzas de seguridade en varias cidades francesas. 

syria-map

Este domingo o Ministerio de Defensa francés comunicou a súa decisión de intensificar os ataques que están a desenvolver en Siria após o acontecido en París na madrugada da quinta feira. 

No concreto, foron despregados 13 cazas cuxo obxectivo era bombardear diversos puntos do ISIS sobre os que caeron un total de 20 bombas, de acordo coas informacións recollidas na imprensa francesa. 

A operación, desenvolvida de maneira coordinada cos EUA, foi executada desde Xordania e os Emiratos Árabes e non visa, aseguran desde Defensa, levar a cabo "ataques espectaculares" mais si aumentar de maneira "gradual" a intensidade dos mesmos. 

En declaracións á canle de televisión francesa TF1, Manuel Valls, xefe de goberno francés, asegurou que o seu país está "en guerra" polo que responderían aos ataques de París do 13 de novembro nos que foron asasinadas máis dun cento de persoas. O contraataque francés", estaría ao "mesmo nivel" que os atentados, acrecentou. 

Cumpre lembrar que Francia iniciou ataques en Siria contra posicións do ISIS no mes de setembro. 

Redadas e rexistros

Ao tempo que decorrían estes ataques aéreos, as forzas de seguridade francesas realizaban 168 operativos 'anti-terroristas' en cidades como Marsella, Jeumont, Toulouse ou Grenobel, entre outras, segundo informan medios galos. No transcurso dos operativos requisáronse 31 armas.

O ministro de Interior galo informou esta segunda feira que desde os atentados foran arrestadas 23 persoas pola presunta vinculación con estes atentados que asasinaron 129 persoas en París e deixaron centos de feridas. 

Cinco dos sete 'yihadistas' suicidas que participaron nos atentados de París están xa identificados formalmente. Desde os ataques efectuáronse 23 arrestos, 104 persoas están baixo arresto domiciliario e foron incautadas 31 armas, 4 delas "de guerra", segundo o ministro francés do Interior, Bernard Cazeneuve.

comentarios