A Francia federal debate a 'inconstitucionalidade' das linguas minorizadas

A visión xacobina da Administración en Francia deixa pouco espazo para visións nacionais distintas da que emana do centralismo de París. Resistindo esa forte presión política e cultural están varios partidos, entre outros os que aglutina a federación R&PS, que como cada ano por estas datas organiza varios días de debate sobre federalismo.
corsica_france_CC_Cyril Caton
photo_camera As bandeiras francesa e corsa ondeando nunha embarcación (Foto: Cyril Caton / CC)

En xuño de 1994, partidos soberanistas e federalistas alsacianos, vascos, bretóns, cataláns, corsos, occitanos e saboiardos presentaron unha lista conxunta para as eleccións ao Parlamento europeo. O seu nome: Régions et peuples solidaires (R&PS). A experiencia consagrouse, mantívose no tempo e case tres décadas despois continúa viva nun Estado, o francés, centralista por antonomasia.

Para compartir experiencias e analizar os retos que os pobos e nacións baixo soberanía francesa afrontan na actualidade, R&PS organiza anualmente a súa universidade de verán, que neste 2021 chega á súa 26ª edición

Onte botou a andar na localidade occitana de Tolon e até o domingo servirá de foro para analizar cuestións referentes á saúde, á economía, ao clima ou á terra desde unha perspectiva nacional. De feito, o lema deste ano é Enfrontando crises sistémicas: mudando a Constitución, optando polo federalismo.

Un dos temas principais xirará arredor da diversidade lingüística tras a controvertida decisión do Consello Constitucional francés de censurar a educación inmersiva nas linguas propias dos territorios, logo de aprobalo como lei o Parlamento estatal. Decisión que levou as redes de escolas inmersivas (en bretón, Diwan; en catalán, Bressola; en occitano, Calandreta; ou en éuscaro, Seaska) a convocar varias manifestacións.

O 21 de maio, o Constitucional revogou parcialmente a norma, alegando que a educación inmersiva en linguas diferentes ao francés e o uso en documentos oficiais de signos diacríticos que non existen no francés (como a vírgula do "ñ" usada en éuscaro ou bretón) ían en contra da Carta Magna. Esta estabelece, no seu artigo número 2, que "o francés é o idioma da República". 

"As linguas rexionais de Francia estanse a volver inconstitucionais", laiábase tras coñecer a sentenza Jordi Vera, coordinador do movemento político Oui au Pays Catalan, en declaracións a Ouest-France. Precisamente un dos relatorios versará sobre esta cuestión: "Á Constitución correspóndelle adaptarse, non ás linguas rexionais desaparecer".

Especulación e crise agraria

Outra das crecentes preocupacións que afrontan territorios como a Bretaña, Córsega ou o País Vasco é a imposibilidade económica da cidadanía para residir no seu propio país. Son lugares onde o turismo e a adquisición de segundos inmóbeis están a provocar un incremento abusivo no prezo da vivenda. 

Neste sentido, na xornada de onte abordouse a proposta que varias formacións de R&PS propón nos seus programas: isto é, un "estatuto de residencia" co fin de loitar contra a especulación inmobiliaria. Nil Caouissin, autor do Manifesto por un estatuto de residencia na Bretaña, foi o seu relator, nunha presentación en que defendeu a súa proposta como solución á crise agraria.

Relacionado con esta última problemática, Gérard Cazorla, representante da Sociedade Cooperativa de Traballadores da Provenza, avogou polas cooperativas como "ferramenta de territorialización da economía". E outro sindicalista agrario na Provenza, Denis Carel, fixo unha aposta pola agroecoloxía co fin de garantir a autonomía alimentaria sustentábel.

A Europa das nacións

Na xornada da tarde, a directora do sindicato de traballadores kanak (Ustke), Mina Kherfi, analizou as perspectivas que afronta Nova Caledonia ─territorio de ultramar baixo soberanía francesa─ de cara ao terceiro e derradeiro referendo de independencia do vindeiro 12 de decembro. A medra nas desigualdades sociais e a importancia económica do país (o arquipélago posúe 30% do níquel do mundo) centraron o relatorio.

 Para hoxe, entre as 10 e as 13 horas está programada a mesa de debate Superar a Europa dos Estados, que moderará o eurodeputado corso, membro do grupo Os Verdes/Alianza Libre Europea (ALE), François Alfonsi. Interverá en primeiro lugar Roccu Garoby, secretario xeral da ALE na Eurocámara, co tema A autodeterminación e a Unión Europea

A seguir, Escocia, cal son as perspectivas europeas despois do Brexit? será o tema que presentará Christian Allard, membro do Partido Nacional Escocés (SNP). Wouter Patho, membro do partido flamengo N-VA, falará a continuación de Rexións e Europa, o exemplo das rexións belgas. 

E por último, a presidenta do independentista Ålands Framtid, Peggy Eriksson, presentará o relatorio Entre Finlandia e Suecia, as Illas Åland: autonomía, status de residente e as súas linguas.

Xa pola tarde haberá un debate público centrado nas eleccións presidenciais de 2022, con presenza de deputados do grupo Libertés et Territoires e tamén, entre outros, do secretario xeral de Europe Écologie Les Verts, Julien Bayou. R&PS emite tanto este debate como todas as conferencias a través da súa canle de YouTube. 

Córsega contará por primeira vez neste curso con dúas escolas inmersivas

Impulsado pola organización Scola Corsa, o proxecto para contar con escolas inmersivas en lingua corsa desde idade temperá farase realidade a partir do inicio do ano escolar 2021-2022, o próximo 6 de setembro. Scola Corsa fixo un chamamento nas últimas semanas á colaboración económica, dado que a diferenza das escolas concertadas non contan con financiamento ningún por parte do Ministerio de Educación francés. Un problema que tiña previsto resolver a chamada "lei Molac", a norma tumbada polo Consello Constitucional. En concreto será unha trintena de escolares da rexión de Bastia os que poidan recibir a educación inmersiva en lingua corsa. A redes de escolas inmersivas en corso,  Eskolim, contará cunha aula nun centro educativo de Biguglia e outra máis noutro de Bastia capital.

Comentarios