venres 17/09/21

Bretaña, Córsega ou Euskadi mobilízanse ante París en defensa das linguas propias

Protestas contra a censura do ensino inmersivo polo Constitucional.
Bretón bretaña foto de @lisediwankaraez
Unha concentración na Bretaña. (Foto: @lisediwankaraez)

Desde a Bretaña a Córsega pasando por Euskadi: varias manifestacións protestarán mañá contra a controvertida decisión do Consello Constitucional francés de censurar a educación inmersiva nas linguas propias destes territorios, tras ser aprobada como lei polo Parlamento.

"Chegou a aberración de 2021: as linguas rexionais de Francia estanse a volver inconstitucionais. A nosa Francia aínda non se reconcilia coas súas raíces e coa súa diversidade interna", lamentou Jordi Vera, coordinador do movemento político Oui au Pays Catalan, en declaracións a Ouest-France.

As redes de escolas inmersivas (en bretón, Diwan; en catalán, Bressola; en occitano, Calandreta; ou en éuscaro, Seaska) convocaron a manifestarse masivamente este sábado, a pesar do apoio expresado polo presidente da República tras a decisión do Constitucional. Na cuarta feira, Emmanuel Macron asegurou nunha longa entrada no Facebook que "nada debe obstaculizar" o ensino inmersivo nestas linguas, e pediu ao Goberno e ao Parlamento "atopar os medios para garantir a súa transmisión".

A inmersión "é o que facemos desde hai 40 anos; sabemos que funciona", sinalou á axencia AFP Grégoire Mazo, director da rede bretoa Diwan (48 escolas de primaria e sete de secundaria). "Necesitariamos unha revisión da Constitución que integre claramente os idiomas rexionais para asegurar o noso futuro", sostivo.

Peio Jorajuria, presidente de Seaska ─rede con perto de 70 escolas─ sostivo que "estamos ante un declive de varias décadas por unha decisión totalmente arbitraria". "É un empobrecemento terríbel desde o punto de vista pedagóxico para os 12.000 alumnos preocupados pola aprendizaxe do catalán", abundou Jordi Veras, que fala dun "choque incríbel para a nosa xeración á que se lle prohibiu falar a nosa lingua no patio de recreo".

Reticencias no Goberno

O Parlamento de Francia aprobou o 8 de abril o proxecto de lei para protexer e promover as linguas minorizadas do país, despois do voto favorábel da Asemblea Nacional en segunda lectura e malia a reticencia do Goberno e dos deputados do partido que o sostén, A República en Marcha. 

O 21 de maio, o Consello Constitucional revogou parcialmente a norma, ao censurar o método inmersivo na escola, así como o uso en documentos de estado civil de signos diacríticos como a vírgula do "ñ" usada en éuscaro ou bretón. "Non estamos a pedir a lúa. Só pedimos poder escribir os nomes dos nosos fillos nunha ortografía correcta e impídennolo", dixo Grégoire Mazo. 

comentarios