Fotografías de satélite demostran que Israel ultima os preparativos para asaltar Rafah, no sur de Gaza

A ONU pide unha investigación sobre as foxas comúns.
Persoa asasinada por Israel en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Europa Press / Contacto)
photo_camera Persoa asasinada por Israel en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Europa Press / Contacto)

O réxime de apartheid israelí construíu un complexo de tendas de campaña nas proximidades de Khan Younis, confirmou a terza feira á axencia AP tras analizar imaxes de satélite da área, e o Exército sionista “continúa a dar sinais de que planea unha ofensiva contra a cidade de Rafah”, informa.

A esta urbe na fronteira de Gaza con Exipto dirixiuse a meirande parte dos 1,7 millóns de persoas do enclave palestino que fuxiron das súas casas, 75% da poboación, polos bombardeos indiscriminados e o intento de invasión israelí do territorio.

Malia que o principal aliado israelí, os Estados Unidos, cuxo Senado debate entregarlle case 25.000 millóns de euros, sobre todo en armamento máis cunha partida para “poboacións en crise”, sostén publicamente que non apoiará nestas condicións unha ofensiva contra Rafah, o diario The New Arab apuntou que tería aprobado os seus plans a cambio de que limitara o ataque contra Irán da semana pasada.

Ademais, o líder da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, Philippe Lazzarini, detallou que os ataques sionistas contra o organismo responden ao “obxectivo de despoxar os palestinos” da condición de refuxiados, horas máis tarde de que unha investigación independente concluíra que Israel non sustentou con probas as súas acusacións de que varias persoas traballadoras estaban relacionadas con organizacións da resistencia palestina, o que levou a que os países occidentais suspenderan rapidamente as súas achegas á Axencia.

Pola súa banda, a ONU reclamou unha investigación “críbel e independente” arredor das foxas comúns atopadas en distintos centros médicos de Gaza asaltados polas tropas israelís, insistindo na necesidade dun alto o fogo.

O principal mediador nas conversas para un cesamento das hostilidades, Qatar, transmitiu que está a avaliar o seu papel polos “ataques” e “a falta de seriedade” de Israel no marco da constante obstaculización das negociacións por parte do Goberno de ultradereita sionista.

Represión nas universidades dos EUA

Nos Estados Unidos, as forzas de seguridade lanzaron unha operación para acabar cos campamentos instalados en múltiples universidades para protestar polo xenocidio que está a perpetrar Israel en Gaza, detendo máis dun centenar de persoas entre críticas pola violación da liberdade de expresión e protesta.

Comentarios