A fiscal xeral lusa, responsábel do escrito que levou á renuncia de Costa e á convocatoria de eleccións

Cada vez máis dúbidas sobre a actuación xudicial.
A procuradora-geral de Portugal, Lucília Gago (centro) en 2022. (Foto: Ministério Público de Portugal)
photo_camera A procuradora-geral de Portugal, Lucília Gago (centro) en 2022. (Foto: Ministério Público de Portugal)

“Ao revés do que sucede habitualmente”, a procuradora-geral de Portugal (que dirixe a Fiscalía), Lucília Gago, “quixo engadir un punto” no comunicado emitido durante a redada anticorrupción da pasada semana para que o texto fixera referencia “ás sospeitas” contra o primeiro ministro António Costa, do Partido Socialista (PS), publicou hoxe o semanario Expresso, citando fontes xudiciais.

Foi ese punto o que provocou que Costa presentara a súa dimisión, que non se fará efectiva até decembro, e que levou á convocatoria de eleccións parlamentarias anticipadas o 10 de marzo.

Membros do PS reclamaron esclarecer a autoría do comunicado polas repercusións políticas, sobre todo a medida que aumentan as dúbidas sobre a investigación da Fiscalía.

Nese sentido, ningún dos detidos permanece en prisión tras negarse o xuíz a aceptar a demanda da Fiscalía de aplicar cárcere provisorio ou imputalos por corrupción ou prevaricación, ao que hai que engadir os erros do Ministério Público, que atribuíu ao primeiro ministro unha mención nunha escoita que en realidade falaba de António Costa Silva, titular de Economía.

Comentarios