Rusia condena a "hipocrisía" de Washington cara a Cuba

Moscova considera que o Goberno estadounidense está a fomentar unha "revolución de cores" na illa.
diaz-canel_putin
photo_camera Os presidentes de Cuba e Rusia nunha imaxe de arquivo (Granma)

O Goberno de Rusia pediu aos Estados Unidos de América (EUA) e aos seus "acólitos" que non se inmiszan nos asuntos" internos de Cuba, no medio das mobilizacións antigobernamentais dos últimos días, á vez que advertiu dun intento de Washington de iniciar unha "revolución de cores" no país.

"Exíxese só unha cousa a Estados Unidos e os seus acólitos. Que non se inmiszan nos asuntos dos países soberanos", manifestou a portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, Maria Zajarova, segundo recolleu a axencia rusa de noticias Sputnik.

Neste sentido, pediu a Washington que deixe a "hipocrisía" á hora de abordar a situación na illa e "que sexan os propios cubanos, o Goberno e a poboación quen decidan o seu futuro".

"Se os estadounidenses realmente están preocupados pola situación humanitaria en Cuba e queren axudar a cidadanía de a pé, deben levantar o bloqueo, condenado polo mundo enteiro", manifestou Zajarova.

Moscova foi o máximo aliado da Habana durante a época da Unión Soviética, e as relacións entre Rusia e Cuba continúan a ser estreitas a día de hoxe.

Cidadáns cubanos saíron ás rúas nos últimos días para expresar o seu descontento pola carestía de produtos básicos, como alimentos e medicinas. As mobilizacións, segundo denuncias dos participantes, foron reprimidas con dureza pola Policía. 

Apoio da China

Neste sentido, tamén a China saíu en defensa do Goberno cubano. Zhao Lijian, portavoz do ministerio de Exteriores, afirmou que "o embargo dos Estados Unidos está na raíz da falta de medicinas e enerxía en Cuba".

O bloqueo foi condenado o mes pasado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas por 29ª vez consecutiva. A resolución, non vinculante, saíu adiante con 184 votos a favor, as abstencións de Colombia, Brasil e Ucraína, e os votos contrarios dos Estados Unidos e de Israel.

Zhao pediu ao presidente estadounidense, Joe Biden, que levante as sancións a Cuba, relaxadas brevemente durante o Goberno de Barack Obama antes de ser reinstauradas polo sucesor deste, Donald Trump.

Ademais, tamén pediu non inmiscirse nos asuntos internos cubanos. "China oponse firmemente á interferencia estranxeira nos asuntos internos de Cuba", sinalou Zhao, que louvou tamén o traballo realizado polo Goberno da illa na loita contra a Covid-19. 

Comentarios