Fidel a Obama: "Non precisamos que o imperio nos agasalle nada"

O líder revolucionario publicou unha carta ao fío do discurso do presidente estadounidense no Centro galego da Habana.

Fidel Castro_Cubadebate
photo_camera Fidel Castro [Imaxe Cubadebate]

"[Que] ninguén se faga a ilusión de que este nobre e abnegado pobo renunciará á gloria e os dereitos, á riqueza espiritual que gaño co desenvolvemento da educación, a ciencia e a cultura". Así de taxativo se expresou Fidel Castro ao fío da visita de Barack Obama á illa caribeña após 88 anos de que o fixese último mandatario ianqui, Calvine Coolidge

"É hora xa de nos esquecer do pasado, dixo Obama

Através dunha carta, Fidel Castro critica a actitude do presidente dos EUA na súa intervención desde o antigo Centro galego da Habana, actual Gran Teatro, e mesmo tira de retranca para lle recriminar as súas verbas mentres se mantén o bloqueo "despiadado" desde hai "xa case 60 anos". 

"Suponse que cada un de nós corría o risco dun infarto ao escoitar estas palabras do presidente dos Estados Unidos", escribe o líder revolucionario ao fío das afirmacións de Obama nas que dixo "é hora xa de nos esquecer do pasado, deixemos o pasado, ollemos o futuro, ollémolo xuntos, un futuro de esperanza. Non vai ser doado, vai haber retos e a iso imos darlle tempo; mais a miña estadía aquí dame máis esperanzas do que podemos facer xuntos como amigos, como familia, como veciños, xuntos". 

"Suponse que cada un de nós corría o risco dun infarto ao escoitar estas palabras do presidente dos Estados Unidos"

A este respeito Fidel Castro asegura que "non precisamos que o imperio nos agasalle nada" pois, continúa, "advirto ademais de que somos quen de producir os alimentos e as riquezas materiais que precisamos co esforzo e a intelixencia do noso pobo". 

O líder revolucionario cubano repasa na súa carta algúns fitos importantes da historia de Cuba como a colinización española, a invasión de Bahía Cochinos ou a desaparición da discriminación racial após o triunfo da Revolución. Fíxoo ao fío dalgunhas das apreciacións de Obama no seu discurso como a referencia ao pasado común que partillarían, segundo el, os EUA e a illa. 

"A miña modesta suxerencia é que reflexione e non tente agora elaborar teorías sobre a política cubana", sentencia Castro. 
 

Comentarios