Feixoo non blinda Galiza como si fan outros cinco Gobernos

Cinco comunidades están xa baixo feche para blindarse e evitar a propagación do virus, catro gobernadas polo PSOE (Asturies, Nafarroa, A Rioxa e Aragón) e Euskadi (PNV). Outras, con Presidencias do PP (Andalucía, Castela e León e mesmo Madrid), están a estudar decretar xa o fechamento. Porén, na Galiza, Alberto Núñez Feixoo non contempla polo de agora esta medida dirixida a limitar a mobilidade e blindar o territorio. 
Primeiro día de confinamento perimetral en Euskadi (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera Primeiro día de confinamento perimetral en Euskadi (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

Até cinco comunidades permanecen esta terza feira, 27 de outubro, baixo confinamento perimetral por orde dos seus Gobernos para evitar a entrada e saída de persoas e limitar así a transmisión do virus. Estas son Asturies, Euskadi, Nafarroa, A Rioxa e Aragón. Todas elas están presididas polo PSOE, excepto Euskadi (PNV).

Mais tampouco descartan o confinamento perimetral comunidades gobernadas polo PP, como a de Madrid, Andalucía ou Castela e León.

Porén, na Galiza, Núñez Feixoo segue sen mover ficha á hora de blindar o país. Onte mesmo, segunda feira 26 de outubro, asegurou que non descartaba tomar esa medida no futuro, mais polo de agora non. 

A situación anunciada polos Executivos de cada comunidade, á tarde desta terza feira 27 de outubro, é a seguinte: 

A Galiza

As autoridades sanitarias e o presidnete da Xunta, Albeto Núñez Feixoo, non teñen polo momento "encima da mesa" a posibilidade de decretar un fechamento perimetral da Galiza. 

Euskadi

O Goberno vasco, un dos primeiros en pedir o estado de alarma, limitará a entrada e saída de persoas no territorio de Euskadi, así como os accesos e saídas dos municipios nos que as e os cidadáns teñan fixada a súa residencia.

Andalucía

O presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, posicionouse a favor de fechar  perimetralmente a comunidade ante a ponte do 1 de novembro: "Son moi pesimista sobre a posibilidade de manter a comunidade aberta esta fin de semana".

Aragón

O confinamento perimetral en Aragón entrou en vigor o 26 de outubro e, en principio estenderase até o próximo 9 de novembro. As tres capitais -Huesca, Zaragoza e Teruel-- xa estaban fechadas desde a semana pasada.

Asturies 

Pola súa banda, en Asturies, o fechamento perimetral entrou en vigor na madrugada do 26 de outubro e o recoller obrigatorio é desde as 24 até as 6 horas.

Balears

A presidenta do  Govern balear,  Francina  Armengol, non fixo referencia a un confinamento perimetral das illas. Respecto ao recoller obrigatorio, o Executivo atrasouno de 24 a 6 horas.

Canarias

As Illas Canarias quedaron excluídas do confinamento perimetral e da limitación horaria que se impón en todo o Estado e que estabelece a restrición de movementos entre as 23 e as 6 horas, unha medida da que Canarias solicitara quedar exenta polos seus bos datos epidemiolóxicos.

Castela e León

O presidente da Xunta, Alfonso Fernández Mañueco, non descarta a posibilidade de que se poida decretar o confinamento perimetral de Castela e León.

Castela A Mancha

O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García- Page, confirmou que polo momento non haberá máis cambio nin ningunha limitación engadida á que xa expuxo o Goberno español de estabelecer o toque de queda.

Cantabria

O Goberno de Cantabria asegura que "de momento" non se formulou confinar o territorio.

Catalunya

A portavoz do  Govern,  Meritxell  Budó, non concretou cales serán as próximas medidas que adoptarán para frear os  contaxios de coronavirus e pediu esperar a que o  Procicat avalíe a situación, aínda que advertiu de que dificilmente serán "medidas de relaxación" a teor das últimas cifras.

Estremadura

O conselleiro de Sanidade e Servizos Sociais da Xunta de Estremadura considerou que na actualidade "é prematuro pensar nun fechamento perimetral de Estremadura", aínda que "isto non significa que a ferramenta non estea aí encima", e que nalgún momento teñan que utilizala.

A Rioxa

A comunidade rioxana anunciou o confinamento perimetral de Logroño e  Arnedo, ademais do fechamento da hostalería e restauración durante un mes nestas localidades. Estas medidas súmanse ao confinamento perimetral da rexión que se decretou desde as 00.00 horas do pasado 23 de outubro até as 00.00 horas do 7 de novembro e que a Sala do contencioso administrativo do Tribual Superior ratificou esta segunda feira.

Nafarroa 

Similar é o caso de Nafarroa, que iniciou o confinamento do seu territorio ás 00.00 horas do pasado 22 de outubro e até o 4 de novembro, cuxo Tribunal Superior ratificou a orde foral pola que limita a entrada e saída salvo por motivos laborais ou sanitarios, e que tamén ordena o fechamento dos establecementos de hostalaría e restauración.

Murcia

Pola súa banda, o presidente da rexión murciana, Fernando López Miras, sinalou sobre a posibilidade de que se instale o fechamento perimetral do territorio o seu desexo de "evitar o cerre total, como ocorreu noutras comunidades", pero para iso, insistiu, na necesidade de aplicar e cumprir todas as medidas que ditaminen os expertos.

Madrid

O Goberno da Comunidad de Madrid, que preside Isabel Díaz  Ayuso, decidirá en poucas horas "con mesura e criterio" se levar a cabo o cerre perimetral da autonomía tras debatelo con técnicos de Sanidade e con outros presidentes autonómicos, principalmente os de Castela e León, Alfonso Fernández  Mañueco, e Castela-A Mancha, Emiliano García- Page.

Velencia

O presidente da Comunidade Valenciana,  Ximo Puig, sostivo que "de ser necesario" fecharase a comunidade antes da ponte de Todos os Santos, pero matizou que nestes momentos non o expoñen porque primeiro débese estudar como evoluciona a pandemia e os efectos que ten a implantación da restrición da mobilidade nocturna e a limitación das reunións a seis persoas.

Ceuta e Melilla

O Goberno da Ciudad Autónoma de Melilla endureceu desde a pasada noite o recoller obrigatorio ao adiantar das 23 ás 22 horas da noite a prohibición de circulación e adiantará o fechamento dos estabelecementos de alimentación das 22 ás 21 horas. Pola súa banda, o Goberno ceutí, non se pronunciou sobre a posibilidade de confinar  perimetralmente a cidade autónoma.

Comentarios