Feixoo cualifica de "demoledor" o estado de alarma aprobado polo Goberno estatal

 A Xunta reunirá o comité clínico para decidir sobre o toque de recollemento e Feixoo suxire que non pechará Galiza.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo

O presidente da Xunta cargou hoxe contra a fórmula elixida polo Goberno que dirixe Pedro Sánchez para a xestión da pandemia e, tras insistir en que sería necesario adaptar a lei orgánica de saúde, advertiu que o estado de alarma é "demoledor" para España.

"Lamentámolo, pero cremos que nos estamos equivocando", sentenciou, nunha rolda de prensa que ofreceu tras a reunión da Conferencia de Presidentes, centrada na repartición dos fondos europeos de reconstrución.

Tras as novas decisións adoptadas a nivel estatal, Feixoo advertiu que, ao seu xuízo e "probablemente sen pretendelo", o Goberno español está "a xerar alarma e desconfianza" ao decretar o estado de alarma e suxerir que se prolongará ata maio. Todo iso, acompañado de "toque de recollemento" para o conxunto do Estado.

O presidente galego ve inexplicábel que "hai dúas semanas" as autoridades sanitarias estatais apuntasen que España estaba nunha situación de "estabilidade" e este domingo adoptásense medidas que vinculou cun "estado de excepción". Ao seu modo de ver, terán un efecto "demoledor" para a economía e a reputación internacional do país.

"Puxemos en cuestión o Nadal e tamén a Semana Santa dando un pau durísimo a todo o sector turístico e hostaleiro", indicou o presidente, quen insistiu en que se podería xestionar "igual" e "sen tanto alarmismo" a pandemia cunha lexislación adecuada, que volveu a insistir en articular.

"É un pau enorme ás expectativas de reconstrución da nosa economía e un pau sen precedentes ao sector hostaleiro e de servizos. É non só se carga o consumo en Nadal, senón pechar a Semana Santa", lamentou.

Comité

Feixoo anunciou que o comité clínico que asesora o Goberno galego desde o inicio da pandemia reunirase de inmediato, "se pode ser esta mesma tarde", para decidir sobre a concreción do toque de recollemento na Galiza. Ao tempo, suxeriu que non haberá polo momento peche perimetral da Galiza dado que os datos non o fan "imprescindíbel".

Comentarios