O Consello de Ministros aproba envíar ao Congreso a lei do "só si é si"

A lei do "só si é si" chega ao Congreso despois de ser aprobada nesta terza feira na xuntanza do Consello de Ministras e Ministros, recollendo as recomendacións do Convenio de Istambul co obxectivo de "erradicar a violencia sexual", apunta o Goberno. Así, "toda conducta sexual sen consentimento será agresión".
Nadia Calviño (en segundo plano), vicepresidenta segunda, xunto con María Jesús Montero, voceira do Executivo estatal, na rolda de prensa despois do Consello de Ministros de onte. (Foto: A. Pérez Meca. POOL / Europa Press)
photo_camera Nadia Calviño, vicepresidenta segunda, xunto con María Jesús Montero, voceira do Executivo estatal. (Foto: A. Pérez Meca. POOL / Europa Press)

O Consello de Ministros e Ministras aprobou na súa xuntanza da terza feira o envío ao Congreso da Lei de garantías das liberdades sexuais, coñecida como a lei do “só si é si”, sinalou a portavoz do Goberno do Estado e ministra de Facenda, María Jesús Montero, que defendeu o “avance decidido na protección integral das mulleres” que supón o texto, encamiñado a “erradicar a violencia sexual e defender a liberdade sexual das mulleres”, explicou.

“A lei pon as vítimas no centro da acción pública”, apuntou Montero, ao tempo que pedía un gran consenso no lexislativo para aprobar unha norma que ten que enviar unha mensaxe clara, sobre todo “a quen xustifica e nega reiteradamente a violencia machista en todas as súas dimensións, indicou.

Montero detallou que unha vez que a lei sexa aprobada, “toda conducta sexual sen consentimento será agresión sexual”, ao unificarse os delitos de abuso sexual e violación, que requiría até o de agora a presenza de violencia e intimidación, en liña cos “estándares internacionais” e as recomendacións do Convenio de Istambul.

Esta modificación non “vai supor unha rebaixa de penas”, abundou Montero, que adiantou a inclusión de novos agravantes como as agresións sexuais en grupo.

A lei tamén recolle o delito de acoso ocasional no apéndice de delitos leves. As expresións, comportamentos ou proposicións sexuais ou sexistas serán penadas con multa ou localización permanente e até un mes de traballos comunitarios.

Asemade, crearanse centros de atención 24 horas para mulleres vítimas de violencia sexual, accesíbeis sen que medie denuncia previa.

O texto, impulsado polos ministerios de Igualdade e Xustiza, dirixidos por Irene Montero e Juan Carlos Campo respectivamente, chegou á mesa do Executivo hai un ano e catro meses, e foi consultado co Ministerio Fiscal, o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello de Estado. 

Comentarios