domingo 18/04/21

Centros 24 horas para vítimas de violencia sexual

A primeira partida é de 19,8 millóns de euros
Consello de Ministros nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pool Moncloa)
Consello de Ministros nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pool Moncloa)

O Consello de Ministros aprobará nesta terza feira, 6 de abril, un orzamento de 19,8 millóns de euros para crear cando menos un centro de atención integral a mulleres vítimas de violencia sexual aberto 24 horas en cada provincia do Estado.

O desenvolvemento deste proxecto estaba pendente desde 2014, cando o Estado ratificou o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica -coñecido como convenio de Istambul- que asinara en 2011.

A previsión do Ministerio de Igualdade dirixido por Irene Montero é que a máis tardar estean en funcionamento en 2023. Estes centros estarán abertos todos os días do ano e contará con psicólogas, psiquiatras, avogadas, traballadoras e educadoras socias e outras profesionais especializadas en emerxencias, así como mediadoras culturais ou tradutoras para atender tanto a vítimas coma as súas familiares.

A partida que se aprobará esta terza feira vai dirixida a preparación das oficinas, para a cal transferiranse a cada autonomía 300.000 euros por cada provincia coa que conten, o resto do orzamento repartirase en función da cantidade de mulleres maiores de 16 anos, a dispersión da poboación ou a insularidade. O reparto definitivo será pechado nunha conferencia sectorial entre o Ministerio de Igualdade e os territorios do Estado.

Cada centro terá un custo de un millón de euros, polo que faltarían 700.000 euros por centro para completar o custe previsto, o Ministerio prevé que terán que completarse con fondos procedentes da Unión Europea.

Para acceder aos servizos dos centros non será necesaria a interposición dunha denuncia, apunta o Ministerio de Igualdade no proxecto, adiantado polo xornal El País, que sinala van dirixidos a vítimas de agresións sexuais, acoso sexual, exhibicionismo ou provocación sexual; mulleres sometidas a matrimonio forzosos e mutilacións xenitais ou que sufriran prostitución allea.

Segundo datos do Ministerio do Interior o número de denuncias por violencia sexual no Estado pasou de 9.468 en 2014 a 15.338 en 2019.

comentarios