O Goberno español valida o proxecto de Igualdade para que só 'si' sexa 'si'

O Consello Ministerial español validou no día de onte o proxecto de lei orgánica coa que se considerarán agresións sexuais as accións e condutas que atenten contra a liberdade sexual. Esta lei afectará o Código Penal incluíndo nel o coñecido como "só si é si". Con esta expresión enténdense que non hai consentimento cando a vítima non manifeste libremente por actos exteriores concluíntes e inequívocos, conforme as circunstancias, a vontade expresa de participar no acto. 
 
As ministras Isabel Celáa, María Jesús Montero e Irene Montero, onte, após a reunión do Goberno (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera As ministras Isabel Celáa, María Jesús Montero e Irene Montero, onte, após a reunión do Goberno (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

Oanteproxecto de Lei Orgánica Integral de Liberdade Sexual obtivo onte luz verde no Consello de Ministras e Ministros do Goberno español. O texto, elaborado polo departamento de Igualdade que dirixe a líder de Unidas Podemos Irene Montero, sinala como agresións sexuais toda acción e ou conduta que atente contra a liberdade sexual, e serán castigadas con penas de prisión que poderán ir de 1 a 4 anos. As condenas por violacións irán de 4 a 10 anos, aínda que se poderán elevar a 12 se concorre unha circunstancia agravante e a 15 se concorren dúas ou máis.

O proxecto de lei elimina a diferenza entre abuso e agresión, logo dunha longa batalla do feminismo perante reiteradas sentenzas xudiciais que teñen favorecido homes violadores considerando que cometeran abuso en lugar de agresión sexual; sendo o último caso máis soado o recollido na primeira sentenza da "Manada", coa que se condenara os violadores dunha muller nos Sanfermíns de 2016 a nove anos de cadea por un delito de abuso cando o que cometeran fora violación múltiple. 

Será agresión sexual cando non haxa consentimento da vítima

O anteproxecto recolle así o "só si é si", expresión que se refire precisamente ao consentimento para manter relacións sexuais. É aquí a cerna deste anteproxecto pois, desta maneira, pásase a considerar agresión se non hai consentimento da vítima, independentemente de que haxa ou non violencia explícita ou intimidación. "Entenderase que non existe consentimento cando a vítima non manifeste libremente por actos exteriores concluíntes e inequívocos, conforme ás circunstancias concorrentes, a súa vontade expresa de participar no acto", recolle o texto.

"Xa non se trata de que as mulleres poñamos resistencia cando hai unha agresión, senón que se trata de que poidamos dicir 'non' a ter relacións sexuais. É un xiro copernicano e feminista do Código Penal", sinalaron fontes de Igualdade a Europa Press. 

Considerarase legalmente como violencia sexual a mutilación xenital feminina

Precisamente a polémica interna desatada no seo do Goberno a pasada semana debeuse ao "bloqueo" que o Ministerio de Xustiza estaba a realizar sobre proxecto de lei de Igualdade debido a que o PSOE prefería reformar o Código Penal de maneira unitaria e non por partes, tal e como implica esta lei de Irene Montero. Isto é o que apuntaron as informacións que transcenderon  a pasada terza feira, 25 de febreiro, desde a contorna de Igualdade. 

Porén, onte, tanto desde o PSOE como desde UP reivindicouse o novo texto e incidiron en que é do Executivo e non dunha parte do mesmo. 

O acoso na rúa

A proposta de texto aprobada afectaría tamén ao Código Penal á hora de incluír como delito leve o acoso na rúa e en espazos privados como bares ou discotecas. Castigarase a quen cometa este delito con localización permanente e traballos comunitarios durante un mes ou ben, con multa. O acoso na rúa e neses espazos refírese ás situacións en que as mulleres son agredidas mediante comportamentos ou proposicións sexuais ou sexistas que crean na vítima unha situación intimidatoria ou humillante. 

Nese sentido, desde as mesmas fontes ministeriais sinalaron que "este delito require de denuncia por parte da vítima. Se a muller o entendese como unha loa ou piropo non o denunciará, mais se lle xera unha situación hostil, humillante ou intimidatoria, chamalo piropo é un problema do patriarcado". 

Igualdade tamén quer incluír no Código Penal a posibilidade de que nas condenas por matrimonio forzado se poida anular o casamento, para así non obrigar a vítima a ir a outro procedemento para mudar a situación civil. No anteproxecto de lei, ademais dos delitos sexuais contemplados no Código Penal, considéranse violencias sexuais a mutilación xenital feminina, o matrimonio forzado e a trata con fins de explotación sexual. 

Xulgados especializados en violencia sexual

O Ministerio de Igualdade avoga por que existan xulgados especializados en violencia sexual, mais márcase un tempo dun ano para revisar as competencias dos xulgados de violencia sobre as mulleres, da Fiscalía e dos equipos técnicos, co obxectivo de analizar se estes poden asumir a especificidade ou non.

A lei tamén implicará a creación dunha rede de servizos de información e asistencia integral especializada, con "centros de crises" para dar atención ás vítimas de delitos sexuais as 24 horas do día. Tamén se quere garantir o acceso a axudas económicas das vítimas destes delitos e inclúese por primeira vez nunha norma estatal o dereito á reparación integral, é dicir, a unha indemnización.

O proxecto ha de remitirse agora aos órganos consultivos para a súa avaliación e, posteriormente, aprobarase como proxecto de Lei para chegar ao Congreso para a súa tramitación parlamentaria.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios