Europa vólvese atrincheirar ante o virus

A segunda vaga, con toda a súa forza, xa está aquí. O avance do novo coronavirus polo Vello Continente chegou a cifras alarmantes: se ao termo do verán os contaxios aumentaran entre a mocidade, agora preocupa un novo salto á poboación máis envellecida. A poboación máis vulnerábel ante os efectos da Covid-19.
EuropaPress_3291175_28_august_2020_france_paris_man_wearing_protective_face_mask_walks_past_the
photo_camera Un home cruza unha ponte sobre o río Sena, en París, coa torre Eiffel ás súas costas. A capital francesa encóntrase en "alerta máxima" (Thomas Coex / AFP)

"O inimigo aínda non foi derrotado", advertía esta semana o primeiro ministro de Italia, Giuseppe Conte. Apuntaba o que levan tempo sinalando os expertos: no país transalpino, con cifras máis baixas de contaxios da Covid nas últimas semanas que no resto de países da súa contorna, a segunda vaga estaba por chegar. E parece que xa está aquí: na quinta feira rexistrou 4.458 contaxios, unha cifra que non se daba desde abril. 

Foi na terza feira, cando houbo case 3.700 casos en 24 horas, que se superaba por primeira vez o limiar dos 3.000 desde o 23 de abril. O incremento dos casos levou o Executivo a impor a máscara obrigatoria en todo o país, tanto nos espazos abertos como nos fechados, e a recomendar o seu uso tamén dentro das casas no caso de xuntanzas familiares. 

Italia vénse a sumar á ampla maioría dos países de Europa no estabelecemento de medidas restritivas co fin de conter o contaxio do novo coronavirus. Despois dos meses do verán, o número de casos foi en aumento, mais se ao principio afectou as persoas máis novas, nos tempos máis recentes está a volver a facer estragos entre a poboación máis maior, entre a poboación máis vulnerábel.

Todos os Estados europeos agás Chipre, Finlandia e Noruega alcanzaron xa o límite de alarma estabelecido polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC). Isto é, 20 casos ou máis por 100.000 habitantes de media no transcurso dunha semana, cando se entra na categoría de "alto risco".

Segundo o último informe do ECDC, publicado onte, os Estados que lideran o número de casos por cada 100.000 habitantes ─neste caso, na media de 14 días─ son Chequia (398), España (307), Países Baixos (304), Bélxica (277), Francia (260) e Reino Unido (217). Ademais, confirma o incremento sostido en case todos os países tanto de contaxios ─maior que na primavera nalgunhas zonas─ como de mortes. 

Alemaña

Alemaña, por exemplo, rexistrou récord tras récord durante esta semana, cos números máis altos desde abril. Onte ─informou o Instituto Robert Koch (RKI), competente na materia no país─, comunicáronse 4.516 contaxios co SARS-CoV-2, un novo máximo. A maioría dos länder prohibiron facer noite aos residentes chegados das zonas con alta incidencia ─isto é, 50 contaxios por 100.000 habitantes en 7 días, de acordo coa norma do RKI─ de non presentaren un test negativo realizado nas 48 horas previas á viaxe. 

A medida coincide co inicio das vacacións de outono en boa parte de Alemaña. Na capital Berlín, como en Frankfurt, entrou en vigor na noite de onte a obriga de fechar os bares e os restaurante entre as 23 e as 6 horas.

Países Baixos

Nos Países Baixos, do outro lado da fronteira alemá, a ministra de Saúde, Tamara van Ark, pediu ao Estado alemán de Renania do Norte-Westfalia que poña a disposición dos pacientes neerlandeses camas da UCI. Ademais, a Comisión Europea entregou ao Goberno do país unha nova partida do antiviral Remdesivir, despois de varios hospitais neerlandeses denunciaren escaseza deste medicamento. 

O Executivo asegurou tamén que conta coa maioría suficiente tanto no Parlamento como no Senado para aprobar o proxecto de lei que contempla multas de 95 euros ou penas de dúas semanas por violar as normas. A lei estará en vigor tres meses. 

Francia

En Francia, os hospitais da capital París ─que está en "alerta máxima" desde comezos desta semana e é, tras Madrid, a gran cidade europea máis afectada─ activaron na quinta feira as medidas de urxencia para facer fronte ao rápido incremento de pacientes da Covid, que representan 40% dos enfermos nas unidades de coidados intensivos. 

Ademais, as autoridades anunciaron restricións máis severas en catro grandes cidades: Lille, Grenoble, Lyon e Saint-Étienne. Súmanse á capital, a Marsella e á illa de Guadalupe. O nivel de alerta máxima implica o feche de bares, medidas máis estritas en restaurantes e limitacións nas concentracións privadas.

Chequia

En Chequia, o Goberno prohibiu, entre outras cousas, a organización de eventos culturais e deportivos durante as próximas dúas semanas. En concreto, segundo trasladou o ministro de Saúde, Roman Prymula, desde onte ximnasios e piscinas están fechados. Ademais, os restaurantes só poderán abrir até as 20 horas, con so catro persoas por mesa.

Bélxica

En Bélxica, Bruxelas ─terceira capital máis afectada tras Madrid e París─ decretou o fechamento de bares, cafés e salóns de té durante un mes e prohibiu o consumo de alcohol nos espazos públicos. 

Inglaterra e Escocia

No Reino Unido, o Executivo de Boris Johnson valora tamén o fechamento a partir da segunda feira de bares e restaurantes no norte de Inglaterra. Manchester, Liverpool e Newcastle son as cidades máis afectadas, onde xa é ilegal mesturarse con membros doutro fogar en lugares fechados e os bares abren só até as 22 horas.

En Escocia, desde onte até o 25 de outubro, estarán clausurados bares e restaurantes, coa excepción das cafeterías que non vendan alcohol, en cinco áreas do centro do país, incluídas as cidades de Glasgow e Edimburgo. No resto do territorio nacional, os estabelecementos hostaleiros non poderán dar servizo no interior a partir das 18 horas ni tampouco vender alcohol, aínda que si o terán permitido nas terrazas até as 22 horas.

Comentarios