Europa, inmersa de cheo na segunda vaga da Covid-19

Nas últimas dúas semanas o continuo incremento de novos contaxios da Covid, batendo récords rexistrados durante a primeira vaga da pandemia, levou as autoridades dos Estados da UE e de todo o continente a valorar o posíbel estabelecemento de restricións máis duras. Preocupa que o virus volva afectar os colectivos vulnerábeis.
EuropaPress_3297862_03_september_2020_italy_rome_students_sit_at_classroom_organized_in (1)
photo_camera Exame de acceso á Facultade de Medicina da Universidade La Sapienza de Roma. Os contaxios multiplicáronse en Italia nos últimos 15 días (Cecilia Fabiano / LaPresse)

O número de infeccións semanais da Covid-19 no continente europeo xa é maior que o rexistrado no pico de marzo, durante a primeira vaga de contaxios. "Temos unha moi seria situación ante nós", afirmou o director rexional da OMS para Europa, Hans Kluge. Nesta oficina están incluídos Rusia, Ucraína e Israel, o primeiro, segundo e sexto países con máis novos casos nas últimas horas a nivel mundial. 

Máis da metade dos países de Europa rexistraron incrementos por riba de 10% nas últimas dúas semanas. En sete destes, até o dobre. Uns datos que se dan cando a nivel mundial o número de contaxios superou os 30 millóns, segundo os datos da Universidade Johns Hopkins. Case un millón destas persoas faleceron.

"Na primavera e a comezos do verán puidemos ver o impacto das estritas medidas de confinamento", sinalou Kluge. "Os nosos esforzos, os nosos sacrificios, pagaron a pena. En xuño, os contaxios chegaron ao seu nivel máis baixo. O número de casos en setembro, porén, debería servir como unha chamada de atención para todos nós", alertou.

Kluge manifestou que "aínda que estes números reflicten un maior número de tests, tamén mostran alarmantes taxas de transmisión ao longo da rexión. No caso concreto da Unión Europea, España, Francia, Italia e Portugal son dos Estados onde esta tendencia á alza é máis intensa. 

Á alza na UE

Tamén no Reino Unido o número de casos diarios rexistrou o nivel máis alto desde o mes de maio. Onte, o ministro de Sanidade británico, Matt Hancock, admitiu que o Goberno non desbota decretar un segundo confinamento a nivel estatal para conter o novo coronavirus.

En Italia, segundo o Ministerio de Sanidade, o aumento no número de contaxios está xa a levar  parello un incremento dos ingresos hospitalarios. Na UCI hai 212 pacientes, segundo os últimos datos facilitados. A cifra de novos contaxios mantense á alza no país transalpino. 

O Goberno francés, pola súa banda, estuda un endurecemento das restricións sanitarias para conter esta segunda vaga,  despois das medidas tomadas en Lille, Marsella e Bordeos. Na quinta feira, Francia rexistrou 10.593 casos, o número máis elevado desde o comezo da pandemia. Neste sentido, o Ministerio de Sanidade deu de prazo até mañá a Lyon e Niza, dúas das cidades francesas máis grandes, para que estabelezan novas medidas.

En España, a maioría dos novos casos concéntranse no concello de Madrid, con 659,41 casos diagnosticados nos últimos 14 días por cada 100.000 persoas. Isto é, máis de 30% dos diagnósticos e mortes a nivel estatal. Na pasada cuarta feira marcouse un novo récord de falecementos, 239, a cifra máis alta desde xuño. 

En Portugal, o primeiro ministro, António Costa, convocou onte o gabinete de crise para a Covid por vez primeira desde xuño, logo do aumento continuado no número de contaxios dos últimos días que levou nas últimas horas ao máximo diario ─770─ desde o 10 de abril.

Segundo consta no boletín diario da Direção-Geral da Saúde (DGS), 48% das novas infeccións producíronse na rexión de Lisboa, a máis afectada pola pandemia, seguida da rexión Norte ─cuxa capital é o Porto─ con 33% dos novos casos.

A tendencia á alza tamén se está a dar noutros Estados membros da UE. Por exemplo, na República Checa, que rexistrou por primeira vez desde o inicio da pandemia máis de 2.000 casos nun só día. Tamén nos Países Baixos se bateu o récord diario de novos casos.

Aínda que, durante a maior parte do verán, o rexurdimento de contaxios na UE non foi acompañado de máis hospitalizacións ─algo atribuído á mudanza nas transmisión, da xente máis maior, antes, á xente máis nova nestes meses─ a tendencia, tal e como se está a comprobar en Italia, nalgunhas cidades de Francia ou na capital española, está volvendo mudar. 

Aumento das mortes

Esta situación preocupa entre as autoridades sanitarias, xa que como lembrou Maria Van Kerkhove, directora técnica da OMS para a Covid-19, durante a primeira vaga, cando as hospitalizacións comezaron a aumentar, estas foron seguidas dun rápido incremento das mortes.

A comezos desta semana, Hans Kluge, alertaba de que en todo o continente europeo se producirá un aumento no número de falecementos durante os meses de outubro e de novembro. 

Agora, na súa última comparecencia, chamou a amplificar os esforzos colectivos. "O virus foi desapiadado cando o partidismo e a desinformación prevaleceron", afirmou, e engadiu: "Onde vaia a pandemia de aquí en diante está nas nosas mans. Contraatacámola antes e podémola contraatacar outra vez".

Comentarios