Estados Unidos ataca Iemen por segundo día consecutivo

Desta vez o ataque correspondeu unicamente a forzas estadounidenses, sen os aliados do primeiro.

Un dos avións usados por EUA e o Reino Unido para atacar posicións hutís (Foto: Sgt Lee Goddard / Royal Air Force / DPA).
photo_camera Un dos avións usados por EUA e o Reino Unido para atacar posicións hutís (Foto: Sgt Lee Goddard / Royal Air Force / DPA).

Estados Unidos atacou por segundo día consecutivo Iemen, desta vez na noite da sexta feira ao sábado e un día despois da acción militar das forzas británicas e estadounidenses contra a zona baixo goberno hutí. Esta vez, segundo informou un alto mando militar dos EUA, centráronse nunhas instalacións de radar.

Washington advertira esta quinta feira de que non dubidaría en “tomar máis medidas” se os hutís mantiñan no mar Vermello as súas operacións de apoio a Gaza. En declaracións á prensa mentres visitaba Pensilvania, o propio presidente, Joe Biden, reiterara que ordenaría novos ataques se continuaban as “accións hostís do grupo rebelde”, sinalara.

"Non hai absolutamente ningunha xustificación para esta agresión contra Iemen, xa que non había ningunha ameaza á navegación internacional nos mares Vermello e Arábigo, os ataques afectaron e seguirán afectando barcos israelís ou aqueles que se dirixen aos portos da Palestina ocupada", dixo esta sexta feira un representante do grupo iemení. Os hutís denunciaron a morte de cinco membros do grupo polos bombardeos e advertiron que a "agresión criminal non quedará sen resposta e castigo".

"As Forzas Armadas iemenís non dubidarán á hora de atacar as fontes das ameazas e todos os obxectos hostís por terra e mar en defensa de Iemen, a súa soberanía e a súa independencia", recalcou o portavoz de operacións militares dos hutís, Yahta Sari. 

Antes, Mohamed Alí al Huti, o presidente do Goberno estabelecido polos hutís, que controlan Saná, a capital de Iemen, desde 2015, denunciou uns bombardeos "bárbaros e terroristas" que "demostran que son eles [os EUA e o Reino Unido] quen xestionan a agresión contra Gaza".

Os Estados Unidos de América e o Reino Unido bombardearon posicións dos hutís en Iemen, segundo confirmou esta sexta feira o presidente dos EUA, Joe Biden. "As forzas militares estadounidenses, xunto co Reino Unido e co apoio de Australia, Bahrein, Canadá e os Países Baixos, levaron a cabo con éxito ataques contra varios obxectivos en Iemen empregados polos rebeldes hutís que puñan en perigo a liberdade de navegación nunha das rutas de máis importantes do mundo", declarou.

Biden está a ser criticado a raíz da súa decisión de lanzar ataques contra Iemen sen a aprobación do Congreso. "O presidente ten que acudir ao Congreso antes de lanzar un ataque contra os hutís no Iemen e involucrarnos noutro conflito en Oriente Medio. Iso é o Artigo I da Constitución. Defenderei iso independentemente de se hai un demócrata ou un republicano na Casa Branca", afirmou o congresista demócrata Ro Khanna. "Só o Congreso ten o poder de declarar a guerra", engadiu o lexislador republicano Thomas Massie.

Comentarios