Os EUA e o Reino Unido lanzan un grande ataque con bombas contra posicións hutís no Iemen

O viceministro de Asuntos Exteriores de Iemen, Hussein Al-Aziz, denunciou que o seu país "foi obxecto dun ataque agresivo e masivo por parte de buques, submarinos e avións de guerra estadounidenses e británicos".
Un dos avións usados por EUA e o Reino Unido para atacar posicións hutís (Foto: Sgt Lee Goddard / Royal Air Force / DPA).
photo_camera Un dos avións usados por EUA e o Reino Unido para atacar posicións hutís (Foto: Sgt Lee Goddard / Royal Air Force / DPA).

Os EUA e o Reino Unido lanzaron esta sexta feira varios ataques contra as posicións dos hutís en Iemen. De acordo cun membro do consello de seguridade do grupo hutí, Abdulsalam Jahaf, os bombardeos realizáronse contra Saná, Al Hudayda, Dhamar e Sa'dah. Ademais, difundíronse reportes sobre explosións na cidade de Taiz.

O presidente dos EUA, Joe Biden, sinalou que a ofensiva contou co apoio de Australia, Barhein, Canadá e os Países Baixos. Indicou que foron bombardeados "obxectivos en Iemen, usados polos rebeldes hutís para pór en perigo a liberdade de navegación nunha das vías marítimas máis vitais do mundo".

De acordo coas súas palabras, a ofensiva representa "unha resposta directa aos ataques sen precedentes dos hutís contra os buques marítimos internacionais no mar Vermello, que mesmo usaron mísiles balísticos antibuque por primeira vez na historia".

O secretario de Defensa dos EUA, Lloyd Austin, sinalou que os ataques impactaron contra sitios "asociados con vehículos aéreos non tripulados dos hutís, mísiles balísticos e de cruceiro e capacidades de radares costeiros e de vixilancia aérea". NBC News informa, citando dous funcionarios dos EUA, que os ataques se realizaron con avións de combate e mísiles Tomahawk que foron lanzados desde buques de guerra.

Sunak: "un acto de defensa propia"

Mentres tanto, o primeiro ministro británico, Rishi Sunak, afirmou que os ataques en conxunto con Estados Unidos contra obxectivos terrestres hutís en Iemen foron un acto de "defensa propia". Sunak, quen confirmou unha serie de "ataques selectivos" da Forza Aérea británica, indicou que se tratou dunha ofensiva en resposta ás accións "perigosas e desestabilizadoras" da milicia hutí durante os últimos meses contra o transporte marítimo comercial no mar Vermello.

Desde Iemen advirten de "un alto prezo"

O viceministro de Asuntos Exteriores de Iemen, Hussein Al-Aziz, denunciou que o seu país "foi obxecto dun ataque agresivo e masivo por parte de buques, submarinos e avións de guerra estadounidenses e británicos". “Sen dúbida, Londres e Washington terán que prepararse para pagar un alto prezo", declarou.

Comentarios