O Estado español declara a emerxencia climática

O Parlamento europeo foi a primeira Cámara en declarar a  situación de emerxencia ambiental en todo un continente. Fíxoo en novembro de 2019, ás portas da realización en Madrid do cumio sobre o clima convocado polas Nacións Unidas en decembro. Onte, terza feira 20 de xaneiro, foi o Consello de Ministras e Ministros español quen acordou declarar tamén a emerxencia climática e ambiental no Estado, comprometéndose a pór en marcha durante os primeiros cen días de Goberno cinco medidas prioritarias de combate contra o quecemento global. 
 
As ministras Teresa Ribera, María Jesús Montero e  Carolina Darias compareceron ante os medio onte, ao rematar o Consello (Imaxe: Europa Press)
photo_camera As ministras Teresa Ribera, María Jesús Montero e Carolina Darias (Imaxe: Europa Press)

Aterceira reunión do Consello de Ministras e Ministros do Goberno español na presente lexislatura, realizada no día de onte, terza feira 20 de xaneiro. aprobou a declaración de emerxencia climática e ambiental no Estado. A través dela, o Executivo liderado por Pedro Sánchez comprométese a pór en marcha un total de 20 liñas de actuación de carácter prioritario de loita contra o cambio climático.

Cinco delas aplicaranse xa nos primeiros cen días da lexislatura. Así o comunicou após o Consello a portavoz do Executivo, María Jesús Montero, quen sinalou ademais que o Goberno quer situar o quecemento global e a transición enerxética xusta como eixo transversal da acción política, seguindo os pasos dados pola Eurocámara que declarou a emerxencia no continente e a nivel mundial en novembro de 2019. 

Cinco accións aplicaranse xa nos primeiros cen días da lexislatura

Entre as cinco iniciativas que o Goberno se comprometeu a pór en marcha no marco da declaración e durante os cen primeiros días da lexislatura figura a remisión da Lei de cambio climático ao Congreso. Con este articulado, o Executivo quer marcar o camiño para alcanzar un sistema 100% renovábel no ano 2050, con emisións cero de dióxido de carbono. 

O Goberno español tamén ten previsto nos vindeiro días aprobar o que xa bautizou como Plan nacional de adaptación, co obxectivo de preparar o Estado para ser "menos vulnerábel" aos efectos do cambio climático. Tamén se definirá a senda da descarbonización, que se completaría en 2050. Como cuarta acción, a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, sinalou a creación no Estado da Asemblea cidadá do cambio climático, un ente participativo co cometido de formular propostas de resposta ao cambio climático, con carácter "inclusivo, paritario e con representación da mocidade", anunciou Ribera. Por último, o quito compromiso a pór en marcha nestes cen días é a introdución da perspectiva climática na transición xusta para o emprego e a actividade da economía produtiva no proceso de transformar o modelo industrial, o agrario e o sector servizos.

Medidas a medio prazo

Alén dos vindeiros días e coa ollada no medio prazo, o Goberno español tamén se comprometeu a impulsar o pacto verde europeo e a integrar a emerxencia climática e ambiental en "todas as políticas públicas de forma transversal" . 

Segundo adiantou a ministra Teresa Ribera, identificaranse os colectivos vulnerábeis e, salvo "casos xustificados", non se darán novos beneficios fiscais a produtos enerxéticos de orixe fósil e revisaranse os vixentes. Tampouco se autorizarán novos permisos de explotación por fractura hidráulica, técnica para a extracción de gas máis coñecida como fracking, e colócase tamén o obxectivo de abranguer 30 por cento de protección da superficie mariña.

O Goberno di que non pode derrogar a reforma laboral

A pesar de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias prometeren que derrogarían as reformas laborais, e a pesar de anunciarse tal medida na sinatura do preacordo para un Goberno de coalición entre o PSOE e UP, desde o Executivo dise agora que non é posíbel acometer a derrogación. 

Montero afirmou onte que "nunca" se pode derrogar unha reforma laboral na súa totalidade e sinalou que no acordo entre ambos os partidos xa se sinalaron os elementos da reforma laboral que consideraron máis lesivos, os cales asegurou que serán modificados. 

A portavoz do Goberno sinalou ademais que "nin os sindicatos" piden a derrogación, cuestión que desmentiron as propias centrais sindicais, exixindo de novo  a derrogación. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios