Investidura

Sánchez e Iglesias prometen derrogar a reforma laboral

‘Coalición Progresista. Un novo acordo para España’ leva por título o programa de Goberno que o PSOE e Unidas Podemos dan a coñecer na tarde desta segunda feira, 30 de decembro, ao pouco de reabrirse o camiño da investidura co informe da Avogacía do Estado que recoñece Oriol Junqueras como eurodeputado, o cal facilitar ao PSOE poder retomar as negociacións con ERC, e após o PNV ter asinado o seu acordo de investidura co Partido Socialista.
 
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cando anunicaron o preacordo. Foto de arquivo (EP)
photo_camera Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cando anunicaron o preacordo. Foto de arquivo (EP)

O camiño da investidura semella terse despexado na mañá da segunda feira 30 de decembro. Primeiro chegou o informe da Avogacía do Estado onde se solicita ao Supremo que permita a Oriol Junqueras exercer como eurodeputado até que se aprobe o suplicatorio, facilitando así ao PSOE poder retomar as negociacións con Esquerra Republicana de Catalunya de cara á investidura. Seguidamente, o PNV anunciou a sinatura dun acordo co Partido Socialista polo que o primeiro votará a prol de Pedro Sánchez e o segundo se compromete a efectuar as trasnferencias pendentes e facilitar o desenvolvemento do autogoberno. Pola súa banda, EH Bildu tamén anunciou que proporá ás súas bases absterse no debate de investidura.

Foi logo de coñecérense estes anuncios, cando PSOE e Unidas Podemos publicaron o seu acordo de Goberno para a nova lexislatura. O documento, que consta de 50 páxinas e leva por título ‘Coalición Progresista. Un novo acordo para España’, apreséntase na tarde desta segunda feira no Congreso dos Deputados.

Ambos os dous partidos prometen derrogar a reforma laboral e recuperar os dereitos "arrebatados" pola reforma de 2012, eliminando a posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas por enfermidade e as limitacións ao ámbito temporal do convenio colectivo, facéndoo chegar máis aló das previsións contidas no mesmo, tras a finalización da súa vixencia e até a negociación dun novo.

Tamén prometen derrogar a prioridade aplicativa dos convenios de empresa sobre os convenios sectoriais e modificar o artigo 42.1 do Estatuto dos Traballadores sobre contratación e subcontratación laboral a efectos de limitar a subcontratación a servizos especializados alleos á actividade principal da empresa, entre outros.

Igualmente, comprométense a subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até alcanzar progresivamente 60% do salario medio no Estado español, tal e como recomenda a Carta Social Europea, polo que debería chegar o SMI até 1.200 euros ao final da lexislatura, así como simplificar e reordenar os tipos de contratos de traballo e revisar a normativa sobre traballo a tempo parcial.

Sobre as pensións, as formacións garanten a súa actualización conforme ao IPC real mediante lei de forma permanente e o aumento do poder adquisitivo das pensións mínimas e as non contributivas e, para iso, eliminarán o Factor de Sustentabilidade e o Índice de Revalorización das Pensións.

Respecto ao ámbito fiscal, PSOE e Unidos Podemos manteñen en gran parte as medidas recollidas no falido proxecto de Orzamentos de 2019, con algunhas pequenas variacións. Así, en Sociedades fixarán unha tributación mínima de 15% das grandes corporacións, que se ampliaría até 18% para as entidades financeiras e empresas de hidrocarburos. As Pemes que facturen menos dun millón de euros pasarán de tributar dun tipo de 25% a 23%.

En IRPF, increméntanse dous puntos os tipos impositivos sobre a base xeral para as e os contribuíntes que teñan rendas superiores a 130.000 euros e catro puntos para a parte que exceda de 300.000 euros. O tipo estatal sobre as rendas de capital incrementarase en catro puntos porcentuais para as devanditas rendas superiores a 140.000 euros.

O PSOE e Unidas Podemos acordaron tamén no seu programa de Goberno de coalición que a materia de relixión sexa de carácter voluntario para o estudantado, sen que haxa unha materia alternativa nin a nota sexa computábel a efectos académicos.

Comentarios